V Festa da Carne ao Caldeiro, este sábado no Prado de Sande (Cartelle)

Este sábado, 3 de maio, terá lugar a edición da Festa da Carne ao Caldeiro na localidade do Prado de Sande, Concello de Cartelle. Un evento que se segue afianzando no calendario galego de citas gastronómicas e no que se darán cita ao redor dos 200 comensais.

A cea, que dará comezo a partir das 21,30 horas, baixo carpa, estará composta por: empanada de carne de raza cachena; carne ao caldeiro de tenreira con patacas cocidas e chourizos cocidos ao viño; pan; viño e refrescos; sobremesa de requeixo con mel e bica, e licores como colofón. Un menú do máis atractivo para os amantes da boa gastronomía galega de calidade na a materia prima xoga un papel esencial. Tamén haberá menú infantil por 10€.

O prezo mántense en 20€ e os tickets poden mercarse no teléfono 669563241 ata hoxe, venres, 2 de maio, ou nos establecementos colaboradores sitos no Concello de Cartelle: Café Bar Katy (Cartelle), Bar Barranco (Cartelle) ou no Bar Os Cubanos (Outomuro).

Como en toda boa festa, non faltará a animación musical da man do grupo Mariachi Vigo e, para rematar a noite, III Festa da Xuventude cunha disco móbil.

Haberá servizo de bar e inchables para os máis cativos.

Unha pequena aldea que se consolida nas citas gastronómicas

Son xa cinco as edición desta festa que naceu como unha aposta por darlle vida ao rural cunha cita gastronómica no Concello de Cartelle. Así, na localidade de Prado, parroquia de Sande, onde non viven habitualmente máis de 20 persoas, nese día chegan a máis de 200 persoas. Moito traballo que ten a súa recompensa en comensais satisfeitos gozando da festa. 

A boa calidade da comida, así como a súa abundancia e sabor, xúntanse co esforzo dun equipo de veciños e veciñas que se afanan en ter todo preparado dende primeirísima hora da maña. Dende pelar patacas, a cortar a carne, preparar as sobremesas… para que todo aquel que ven, desfrute, repita e o conten. 

Dende a organización queren agradecer a colaboración de todas as empresas privadas, así como a Asociación Cultural As Bonitas de Sande e o Concello de Cartelle.

Comparte éste artículo
No hay comentarios