O BNG propón renomear a rúa Alcalde Sanjurjo como Diplomáticos de Monte Alto en aplicación da Lei de Memoria Democrática

 Un represor fascista que mesmo chegou a ser poñente de sentenzas de morte nos anos 40 do pasado século non pode dar nome a unha rúa da cidade.

É por isto que, en aplicación da Lei de Memoria Democrática, a concelleira do BNG Mercedes Queixasvai defender unha moción no Pleno do vindeiro venres para que a Rúa Alcalde Sanjurjo pase a se chamar Rúa Diplomáticos de Monte Alto.

“Damos así traslado a unha proposta impulsada pola asociación cultural Alexandre Bóveda e que recolle o sentir das veciñas e dos veciños de Monte Alto e de moitos profesionais do vizoso tecido musical da cidade”, argumenta Mercedes Queixas.

Para o BNG, é de xustiza que se lle retire esta honra a quen, alén de participar directamente no golpe fascista de 1936 e na cruel represión posterior á conclusión da guerra, foi alcalde durante a ditadura franquista.

“O Goberno de Inés Rey aínda ten moito traballo a facer para dar cumprimento á Lei de Memoria Democrática e para aplicar o informe elaborado polo Instituto JoséCornide en relación aos nomes do rueiro da nosa cidade que continúan vinculados coa Ditadura e coa represión franquistas”, argúe Queixas.

Lembra a nosa concelleira que o nome de Eduardo Sanjurjo de Carricarte -distinguido tamén cunha escultura, un busto que se acha xusto por detrás do Pazo de María Pita- xa foi retirado do colexio que desde 2022pasou a se chamar CEIP Torre de Hércules.

“É xa moita hora de lle retirar o nome a esa rúa e de que a nova denominación sexa a dun grupo musical tan querido pola veciñanza coruñesa, uns Diplomáticos de Monte Alto que se caracterizan polo seu compromiso coa cultura e coa creación musical en galego e tamén coa identidade popular coruñesa en xeral e de Monte Alto moi en particular”, conclúe Queixas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios