Galicia sen protección: UCIN denuncia un colapso policial que deixa a cidadanía ao descuberto

A Unión de Cidadáns Independentes de Galicia (UCIN Galicia) lanza unha grave alerta sobre a falta de efectivos policiais na comunidade, unha situación que, segundo o seu coordinador autonómico, José Luis Calo, está a poñer en risco a seguridade da cidadanía e a sobrecargar aos profesionais do corpo.

Calo destaca a existencia dun déficit de efectivos policiais, o que se reflicte en datos alarmantes:

  • As salas do CIMACC do 091 en Galicia xestionaron máis de 308.000 chamadas en 2024, das cales 142.440 requiriron unha intervención policial.
  • No primeiro trimestre de 2025, rexistráronse 23.308 infraccións penais.
  • Os xulgados de violencia de xénero recibiron 2.043 denuncias nos primeiros tres meses de 2025, e tramitáronse 498 ordes de protección.
  • A Policía Local en Galicia só conta con 2.207 efectivos, mentres que os estándares europeos aconsellan máis de 4.800.

«Estamos a vivir unha situación límite. Non se pode seguir mantendo a ficción de que todo funciona con normalidade. Os cidadáns están desprotexidos e os policías traballan baixo unha presión insoportable», afirma José Luis Calo.

Demandas de UCIN Galicia

Ante esta crise, UCIN Galicia fai un chamamento urxente para que se actúe de inmediato, e reclama tres medidas principais:

  • Un plan inmediato de reforzo de efectivos policiais.
  • O cumprimento dos ratios establecidos pola Unión Europea.
  • A creación dunha mesa de traballo para abordar a seguridade cidadá en Galicia.

«A seguridade non é un privilexio, é un dereito fundamental que o Estado está obrigado a garantir. Galicia non pode seguir sendo a gran esquecida en materia de protección cidadá», conclúe Calo.

UCIN Galicia pide feitos, non escusas, para asegurar que a cidadanía galega non se vexa resignada a un sistema policial ao bordo do colapso.

Comparte éste artículo
No hay comentarios