O Concello de Marín xa cheira a viño novo e gastronomía da casa. A tempada de furanchos botou a andar oficialmente na vila coa apertura dos dous primeiros establecementos: O Chámpalle unha Gaseosa e o Furancho de Víctor. Ambos establecementos iniciaron xa a súa actividade, aproveitando a calidade da materia prima local para dar saída aos seus excedentes.
O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, informou de que estes dous pioneiros estarán abertos durante todo este mes. Segundo a normativa vixente, os furanchos de Marín teñen de prazo ata o 30 de xuño para desenvolver a súa actividade, aínda que cada un deles non poderá exceder o límite de tres meses abertos ao público.
Como marca a ordenanza municipal, a esencia do furancho reside na venda do viño sobrante acompañada dunha oferta limitada de comida. En Marín, os visitantes poderán elixir entre un máximo de cinco tapas clásicas: orella ou chourizo, tortilla, zorza ou raxo, empanada, callos ou costela.
Novas recordou que o Concello mantén a flexibilidade na xestión: «No caso de que algún produtor conserve excedentes pasada a tempada, poderase conceder unha prórroga ata xullo, sempre sen superar o máximo acumulado de tres meses de apertura».
Aqueles propietarios que aínda non formalizasen a súa situación deben solicitar a licenza correspondente no Concello para obter a «luz verde» administrativa e poder participar nesta tradición tan arraigada na cultura de Marín.