Lugo estrea o vindeiro luns o transporte a demanda para conectar o rural co HULA e o centro urbano

O Tenente Alcalde de Lugo e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou hoxe que o vindeiro luns, 16 de febreiro, entrará en funcionamento o novo servizo municipal de transporte a demanda no rural. Esta iniciativa pioneira converterá a Lugo na segunda cidade galega en ofrecer transporte público naquelas zonas onde o bus urbano non ten acceso.

O plan piloto, que conta cun orzamento inicial de 15.000 euros, centrarase nunha primeira fase nos núcleos de As Regas, O Pondelo, Labio e Vilachá. O obxectivo da Tenencia de Alcaldía é testar o uso do servizo para planificar a súa futura expansión ao resto das 54 parroquias do rural lucense.

Frecuencias e destinos principais

O servizo funcionará de luns a venres con catro frecuencias diarias que conectarán as parroquias co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e coa zona de Sindicatos:

  • Cara ao HULA: Saídas ás 8:25, 12:35, 16:15 e 20:45 horas.
  • Cara a Sindicatos: Saídas ás 8:35, 12:35, 16:25 e 20:55 horas.

«Estamos traballando para que Lugo sexa referente cun servizo que permitirá comunicar as zonas rurais que non contan con bus urbano», destacou Rubén Arroxo, quen explicou que o custo para o usuario será de apenas 0,64 €, o mesmo prezo que unha viaxe en bus urbano.

Como solicitar o servizo

Ao tratarse de transporte a demanda, o funcionamento é similar ao do bus (con liñas, paradas e horarios fixos), pero require reserva previa para optimizar os recursos. A veciñanza interesada deberá:

  1. Chamar ao número 982 213 377.
  2. Realizar a reserva antes das 22:00 horas do día anterior á viaxe.

Arroxo subliñou que esta proba piloto é o resultado de diversas xuntanzas con asociacións veciñais e o colectivo de taxistas. Segundo o Tenente Alcalde, «sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias, pero esta alternativa permite á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible».

A área de Mobilidade utilizará os vindeiros meses para recoller información real sobre as necesidades dos usuarios e axustar o servizo de cara á súa posta en marcha definitiva en todo o termo municipal.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios