O novo convenio de limpeza provincial supón un recorte histórico: a perda dun dereito clave a cambio dunha suba salarial que apenas supera os 60 euros mensuais sobre o SMI.
CCOO Hábitat Galicia denuncia publicamente o convenio subscrito pola CIG, UGT e a patronal do sector da limpeza na provincia da Coruña. O acordo implica un retroceso de enorme gravidade: a eliminación da fórmula de xubilación especial aos 64 anos, un mecanismo que permitía a moitas traballadoras abandonar o mercado laboral de forma máis favorable.
Un golpe directo ás traballadoras máis precarias
Este dereito era fundamental para un sector maioritariamente feminino e marcado pola penosidade laboral, as lesións musculoesqueléticas e os ritmos físicos esgotadores. A eliminación desta fórmula obriga ás traballadoras a:
- Perden a posibilidade de adiantar a saída do mercado laboral en máis de tres anos e medio sen sufrir perdas económicas.
- A fórmula anterior permitía computar os últimos 15 anos de carreira, mentres que agora o cálculo se fará sobre os últimos 25. Isto penaliza gravemente a mulleres con traxectorias marcadas pola parcialidade e os baixos salarios.
Melloras salariais «de migallas»
Desde o sindicato cualifican de «inaceptable» que se renuncie a este dereito estrutural a cambio dun incremento salarial que cualifican de simbólico. Na práctica, a suba apenas supón uns 800 € anuais (uns 66 € ao mes) por riba do novo Salario Mínimo Interprofesional (SMI). «Non se pode vender como unha mellora o intercambio dunha xubilación digna por migallas. Este convenio é un retroceso evidente nun sector que soporta unha carga física brutal«, afirman desde a dirección de CCOO Hábitat Galicia.
Reivindicacións e chamamento á mobilización
CCOO Hábitat Galicia esixe:
- A recuperación inmediata da xubilación especial aos 64 anos mediante a rectificación da Comisión Negociadora.
- Convenios de avance, non de retroceso: Melloras salariais e de xornada que recoñezan de verdade a penosidade do traballo de limpeza, máis alá de «acompañar» as subas legais do SMI.
O sindicato fai un chamamento ás traballadoras para que se informen e participen nas asembleas: «A limpeza non pode seguir sendo a moeda de cambio de ninguén».