Ameijide: “Lara Méndez demostra que o PSOE non pretende defender a ningunha vítima nin ao feminismo, senón utilizalo politicamente”

O portavoz popular condena a “incoherencia” da número 2 dos socialistas galegos que se nega a pedir desculpas a Villares, declarado inocente pola Xustiza; mentres o PSOE continúa apoiando ao alcalde de Monforte e ex presidente da Deputación cun caso aberto por presunto acoso sexual pola Fiscalía e o Xulgado

O portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, cre que a negativa da número 2 dos socialistas galegos, a lucense Lara Méndez, a pedir desculpas a Alfonso Villares, declarado inocente pola Xustiza, “deixa moi claro que ante os casos de presunto acoso sexual o PSOE non pretende defender a ningunha vítima nin ao feminismo, senón utilizalo politicamente”.

O popular condena, nese sentido, a “incoherencia” do PSOE galego que se nega a pedir desculpas a unha persoa declarada inocente pola Xustiza – despois de que a Fiscalía, un Xulgado e a Audiencia Provincial non observaran indicios de delito-, pero “continúa apoiando a outra á que a propia Fiscalía abriu investigación tras recibir unha denuncia no Xulgado”.

Ameijide tamén condena o uso do feminismo por parte da Deputación de Lugo á vista da campaña de humor coa que PSOE e BNG pretenden “branquearse” en materia de igualdade: “Estanse a rir do feminismo” á vista de que “o goberno provincial continúa a apoiarse en José Tomé, investigado por un presunto caso de acoso sexual”, manifesta.

Antonio Ameijide cre que “Lara Méndez debería explicar a que se refería cando recoñecía nunha entrevista recente que tiña coñecemento de máis cargos do PSOE acusados de presuntos casos de acoso sexual e laboral. É moi grave que Lara Méndez estea tapando máis casos de condutas machistas e de acoso laboral por parte de cargos do PSOE, denunciados a través da canle interna”.

Nese sentido, esixe aos socialistas “dar a coñecer quen son” e “aclarar que pensan facer ao respecto: se os van apoiar como fixeron con Tomé sendo coñecedores das denuncias e, polo tanto, encubridores do caso dende o inicio ou non”.

Así, o popular pídelle a Lara Méndez e ao PSOE “menos leccións e máis sacar ao machismo das institucións” toda vez que “a Deputación de Lugo aprobou no último Pleno unha iniciativa do Grupo Popular -co voto en contra do PSOE- para afastar das institucións públicas a Tomé -que se nega a aplicar a si mesmo o que esixía aos demais- e ás persoas que, tendo coñecemento dunha denuncia por acoso sexual, continuaron encubríndoo ata que se fixo público a través dun programa de televisión”.

“Tanto Ramón Gómez Besteiro como Lara Méndez e Pilar García Porto eran coñecedores, non fixeron nada e seguen sen facer nada. Os socialistas, que se declaran feministas, cada vez que teñen que elixir entre a vítima e os presuntos acosadores, póñense do lado dos presuntos acosadores e dan as costas ás vítimas”, conclúe.

ALCALDE DE MONFORTE

O Partido Popular insiste en reclamar aos socialistas que “aclare que pensan facer con José Tomé, acusado de acoso sexual cun expediente xudicial aberto e investigado pola Fiscalía”. Os populares lembran que “o PSOE mantén a Tomé como alcalde de Monforte de Lemos e os socialistas, xunto aos nacionalistas, apoiáronse nel para formar goberno na Deputación de Lugo. “A pesar de proclamar o seu feminismo, tanto PSOE como BNG, manteñen o seu pacto con Tomé, o presidente na sombra, e precisan do seu voto para adoptar acordos na institución provincial”, apunta Ameijide.

O popular pregúntalle ao PSOE “se pensa manter a Tomé como alcalde de Monforte a pesar de ter a posibilidade de elixir un alcalde socialista co apoio do Partido Popular. Rexeitando esta posibilidade demostran que o PSOE quere que José Tomé siga como alcalde, a pesar das investigacións abertas”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios