A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciou hoxe en Lugo que Elena Candia leva utilizando cartos públicos “para comprar vontades” desde que en 2022 anunciou a súa candidatura á alcaldía da cidade. “Entón empezouse a ver un chorreo de cartos a colegas”, dixo. Nunha comparecencia na que estivo acompañada pola deputada provincial Pilar García Porto e a tenente de alcalde lucense Ana Abelleira, Méndez advertiu dese “uso fraudulento” das institucións por parte do PP, incluso utilizando diferentes empresas para fins, “cando menos, rechamantes”.
A tamén deputada socialista chamou a atención sobre o feito de que Candia “non forma parte do Goberno da Xunta, o que agrava aínda máis ese uso fraudulento”. “Non é a responsable de xestionar ningunha consellería, nin a Axencia de Turismo de Galicia nin ningún outro organismo”, recordou para indicar que Rueda, “como máximo responsable da Xunta”, é o que lle permite esas prácticas “irregulares”.
Lara Méndez diferenciou os apoios a asociacións e diferentes colectivos, “necesario porque moitas veces fan un gran labor sen dispoñer de recursos”, da utilización dos fondos públicos “para uso partidista segundo afinidade política”, unha situación que resumiu coa frase “Dime a quen votas e xa che direi o que che toca”. “Iso é o que fai Candia”, engadiu.
Na súa explicación, centrouse especialmente na utilización da Axencia de Turismo, cuxa fiscalización por parte da oposición “se está ralentizando todo o posible no Parlamento de Galicia”. “Non sabemos cando me van facilitar cen expedientes que teñen que poñer á miña disposición”, afirmou. Porén, ente os expedientes aos que o PSdeG puido ter acceso hai exemplos moi significativos que a secretaria de Organización repasou.
Entre eses casos, citou o dunha empresa “que cobra por organizar festas nas parroquias”, pero factura “en función de quen estea á fronte da comisión”, con diferenzas moi considerables para a realización de eventos similares. Noutros casos, o organismo da Xunta “paga directamente orquestras” a través de compañías que nalgúns casos nada teñen que ver coa realización de espectáculos. Por exemplo, cando a empresa que traslada unha factura por unha actuación musical “se dedica á compravenda, alugueiro e reparación de vehículos”. “Ou outra contratación por parte dunha enxeñaría técnica de inspección e control que ten o domicilio fiscal nun piso pechado”.
A deputada autonómica falou tamén dun pago a unha asociación para o acondicionamento de dúas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida nun centro social “alegando que por alí pasa o Camiño de Santiago, pero o Camiño pasa a quilómetros, co que se está utilizando a Axencia de Turismo para a compra de vontades”.
Noutro caso, unha empresa que cobrou 5.000 euros para a realización dunhas festas sinalou nun dos conceptos da factura “colaboración de festas”. “Non sabemos se se utiliza esa empresa para dar un pago en metálico a alguén”, alertou.
Denunciou tamén a contratación dunha panadería para organizar os premios do concurso de disfraces dunha festa de entroido, cunha factura na que, do mesmo xeito que no anterior caso, se recollen como conceptos a organización e, por outra banda, a entrega dos galardóns, “que se reciben en metálico”.
“Temos pendente de ver aínda o expediente da festa da xuventude da Milagrosa, para a que se paga unha orquestra por 12.000 euros, pero o que xa sabemos é quen está á fronte da asociación que recibe eses cartos: o presidente de Novas Xeracións do Partido Popular, porque onde non hai asociación, o PP crea unha e utiliza aos militantes para poñerse á fronte, e así pode facer festas propias para que se poida lucir Candia”, salientou.
“E tamén temos pendente ver o expediente de como se lle dan 5.500 euros a unha festa solidaria, ou como se lle dan ao torneo Lugo Debate 6.000 euros”, que aínda que se trate de eventos que merezan apoio, non son “conceptos turísticos” que se poidan financiar a través da Axencia.
Lara Méndez mencionou entre os contratos que a Xunta aínda non lle entregou dous de patrocinio, un para un mercado de Nadal por valor de máis de 13.000 euros e outro para unhas festas por importe superior aos 10.000. “Veremos como se xustifica o retorno que implican estes patrocinios”, advertiu.
Poderiamos seguir toda a mañá comentando expedientes”, asegurou en referencia á cantidade de contratacións dese tipo. “Son cos que Candia reparte a dedo entre distintos colectivos, dicindo ti si e ti non segundo o interese persoal”, insistiu, e cuestionou o que converta o Galicia Calidade en “Galicia Caridade” como “unha oportunidade para conseguir os votos que non lle dan as urnas”.
“Non pechamos a porta a utilizar outras vías para denunciar estes feitos”, concluíu a secretaria de Organización do PSdeG
Un xeito de facer política “que non é aceptable nin ético”
Pilar García Porto insistiu, pola súa banda, en que o PP ten un xeito de facer política “que non é aceptable nin ético”, xa que está a utilizar recursos públicos da Xunta de Galicia “con fins claramente partidistas e persoais”, sen que Candia ostente ningún cargo executivo que lle dea capacidade para dispoñer deses fondos.
A secretaria provincial sinalou as múltiples “achegas, agasallos, colaboracións con colectivos e festas populares” que se financian en Lugo a través de Turismo de Galicia, ante o que formulou unha serie de preguntas: “Baixo que fórmula administrativa se están xestionando estes recursos? Quen decide? Con que criterios? E, sobre todo, con que control?”.
García Porto cualificou de “inaceptable” o emprego de cartos “que son de todos e de todas” a modo de “ferramenta de promoción persoal” e defendeu que deberan servir “para impulsar o territorio e fortalecer o tecido social e económico, on para mercar vontades nin para facer unha campaña encuberta”.
Advertiu tamén de que non se trata de “algo illado”, senón que forma parte dun xeito de actuar “que xa se coñece ben na provincia de Lugo”, porque Candia “non é nova na política, ten unha longa traxectoria e antecedentes preocupantes, como o seu papel en manobras escuras que todos lembran”.
Para Pilar García Porto, o que se está observando agora segue “ese mesmo patrón: utilización interesada das institucións, ambición persoal por enriba do interese xeral e desprezo pola vontade democrática”. “Apoiarse nunha tránsfuga para intentar acceder á alcaldía é a continuación dese xeito de facer política”, insistiu.
Por último subliñou que non se pode gobernar “sementando desconfianza, manipulando recursos públicos e retorcendo as regras do xogo democrático”. “Lugo merece máis. A cidadanía merece respecto, transparencia e xogo limpo”, dixo.
“A maquinaria das cloacas”
“O que estamos a vivir coa trama da tránsfuga é a confirmación do que xa sabiamos de Candia”, afirmou Ana Abelleira sobre a “maquinaria das cloacas do Partido Popular”. Para a tenente de alcalde, demóstrase que a Xunta funciona en Lugo como “un servizo de atención aos intereses persoais e electorais” da líder do PP lucense.
Abelleira apuntou que “cos cartos da Xunta” Candia está poñendo prezo aos votos, “facendo contas” e actuando sobre os barrios e parroquias “nos que sabe que hai máis poboación”. “O que está facendo é atentar contra a democracia sen respectar o sentir do pobo”.
“Eu á Axencia de Turismo poñeríalle o nome de Axencia da Señora Candia”, dixo sobre o uso que o PP fai dun ente que “parece que o turismo que vende é a súa conveniencia e o uso dos votos das e dos lugueses”.
“Candia non pode estrañarse da indignación que hai entre os veciños e veciñas de Lugo”, dixo tamén sobre as protestas e diferentes manifestacións que mostran estes días a súa repulsa á moción de censura impulsada polo PP apoiándose nunha tránsfuga.
A preguntas dos medios sobre “indicios” dalgún pago a esa tránsfuga por parte do Partido Popular, Abelleira sinalou a gravidade de que se convoquen prazas da Xunta de Galicia neste momento. “As prazas non poden ser un mercadeo”, sinalou para recordar que no momento no que se transferiron as competencias sobre o litoral á comunidade autónoma, a tránsfuga mostrara interese polas prazas que agora saíron a concurso. Unha vez que se coñeceu a convocatoria, “sería moi arriscado presentarse” debido ás implicacións legais que podería conlevar, segundo lembrou Ana Abelleira, que remarcou: “Normal que agora non se presentase”.