Desde o Grupo Municipal do Partido Popular pedimos a PSOE e BNG responsabilidade institucional e altura política ante o pleno previsto para este xoves.
O Grupo Popular reclama que non se repitan os erros da pasada sesión fomentados dende o goberno local explicando que “non respondeu a unha mobilización espontánea, senón a unha estratexia política perfectamente organizada baseada no sinalamento persoal e na tensión social arredor dunha decisión plenamente democrática”.
Os populares tamén consideran preocupante que desde o propio goberno local se contribuíse a alimentar ese ambiente de crispación. Por iso insisten en lanzar unha mensaxe de calma e responsabilidade institucional.
“É momento de rebaixar a tensión, abandonar a confrontación e volver situar a Lugo e aos lucenses no centro da acción política”, sinalan.
O PP lembra que o pleno convocado para este xoves é un acto democrático, legal e plenamente lexítimo dentro do funcionamento normal das institucións.
Neste sentido, os populares lamentan a imaxe vivida e o clima de tensión e confrontación que, ao seu xuízo, non representa o que merece Lugo nin contribúe á convivencia democrática.