A emisora comunitaria da Coruña está na Rúa Lisboa, no Campus Universitario de A Zapateira.
Os micrófonos de CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, estarán abertos esta fin de semana para quen queira visitar a emisora máis diversa do dial da Coruña, a que emite no 103.4 dende 1996. Con motivo do 30 aniversario a asociación cultural CUAC está a organizar dende xaneiro múltiples actividades.
Esta fin de semana, dende as 15 horas do sábado, calquera persoa pode achegarse a coñecer a radio e as persoas e asociacións que a fan posible. As instalacións, cedidas pola Universidade da Coruña, están na rúa Lisboa, na parte alta do Campus da Zapateira, uns 200 metros da facultade de Filoloxía e pegadas ás pistas de padel da UDC.
Dende as 3 da tarde do sábado ata as 8 do domingo, coa emoción do que sucede no partido do Dépor en marcha, irán pasando polos micros programas de diversas etapas da radio do pico de pato.
Non é preciso inscribirse para visitar a emisora. Simplemente se accede ao recinto e realizarase unha breve visita guiada as instalacións e quen o desexe pode levar un libro conmemorativo deses 30 anos de vida, con Iñaki Gabilondo como estrela convidada que pecha o exemplar cun texto sobre o proxecto de CUAC FM.
As celebracións do trinta aniversario continúan o sábado 13 xuño será a seguinte actividade. Neste caso a Gala dos Oscuacs, na sede de Afundación no Cantón Grande tamén con entrada gratuita. Será unha entrega de premios con actuacións e sorpresas.
Calquera persoa que teña interese en facer un programa, que tamén é podcast de xeito simltáneo, pode enviar un email acomunicacion@cuacfm.org e recibirá información detallada de cómo iniciar ese proxecto radiofónico. Non hai límite de idade para sumarse a este medio comunitario.