O PP advirte que “o Goberno de Sánchez ten sen cubrir o 17% das prazas da Garda Civil na provincia de Lugo”

O PP lucense advirte que “o Goberno de Sánchez recoñece por escrito que mantén sen cubrir o 17% das prazas da Garda Civil que recolle o Catálogo para a provincia”. Segundo a resposta remitida polo Executivo ás preguntas formuladas polos senadores José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, actualmente existen 169 vacantes sobre un total de 1.092 postos.

Os senadores populares consideran que “o que di ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, é fume” porque “fala do incremento do número de axentes nos últimos anos; pero a realidade é que, a día de hoxe, continúan vacantes case dúas de cada dez prazas previstas para a provincia”, sinalan.

Os populares censuran, ademais, que o Goberno evitase responder a cuestións fundamentais formuladas na iniciativa parlamentaria. En concreto, lamentan que non facilitase información detallada sobre o nivel de cobertura das distintas especialidades, nin sobre os efectivos adscritos a áreas tan relevantes como a seguridade cidadá ou a Agrupación de Tráfico.

Os representantes do PP lembran que a provincia de Lugo presenta unhas características territoriais singulares, cunha ampla extensión rural, unha elevada dispersión da poboación e unha importante rede viaria, circunstancias que fan especialmente necesaria unha presenza suficiente da Garda Civil para garantir a seguridade e a atención aos cidadáns.

Polo tanto, censuran “as escusas” do Goberno de Sánchez que pretende xustificar este déficit de efectivos na provincia asegurando que “o total de postos de traballo do catálogo está previsto para unha dotación máxima de efectivos nas diferentes plantillas que en escasas ocasións alcanza a ocupación total”.

Os senadores por Lugo reclaman ao Ministerio do Interior que adopte as decisións necesarias para avanzar na cobertura efectiva das prazas vacantes de forma que “se reforce a atención aos cidadáns da provincia ao mesmo tempo que se melloran as condicións dos axentes”.

A necesidade de incrementar os efectivos é, de feito, unha das reivindicacións do propio colectivo que ten trasladado en diversas ocasións aos representantes do PP a través das súas distintas asociacións profesionais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios