O concurso fotográfico Arde Lucus MMXXVI reforza a unión entre a festa de recreación histórica e a Muralla, símbolo universal de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Deportes, Infancia e Xuventude, Damián Carballo, recibiron hoxe no salón de plenos a representantes da Asociación Caetra Lucensium, entidade organizadora do concurso fotográfico Arde Lucus MMXXVI, que presentou as bases dunha nova edición desta iniciativa cultural vinculada á festa de recreación histórica.

O certame está aberto á participación de persoas maiores de idade, que poderán presentar ata un máximo de cinco fotografías orixinais e inéditas relacionadas co Arde Lucus. As obras deberán ter un formato comprendido entre os 25×35 e os 40×50 centímetros e entregarse tanto en papel como en soporte dixital.

O prazo de presentación dos traballos permanecerá aberto desde o 2 de xuño ata o 30 de setembro. Os orixinais deberán remitirse á Librería Balmes seguindo as condicións establecidas nas bases do concurso.

O certame repartirá un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros, un terceiro de 100 euros e dous accésits de 50 euros cada un.

O fallo do xurado darase a coñecer durante o mes de outubro. Ademais das obras premiadas, unha selección das mellores fotografías formará parte dunha exposición que se celebrará coincidindo co aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, reforzando así a conexión entre os dous grandes elementos que mellor identifican a cidade: a súa herdanza romana e o seu monumento máis universal.

Durante o encontro, Elena Candia destacou a importancia da fotografía como ferramenta de promoción e difusión dunha festa que hoxe é un referente internacional da recreación histórica.

“A fotografía desempeña un papel fundamental na difusión do Arde Lucus. Moitas das imaxes que cada ano percorren medios de comunicación, publicacións especializadas e redes sociais son a mellor carta de presentación dunha festa que hoxe é un referente da recreación histórica e conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional”, sinalou a alcaldesa.

“Este concurso contribúe a proxectar a riqueza patrimonial, cultural e humana do Arde Lucus, ao tempo que nos permite conservar unha memoria visual única dunha celebración que forma parte da identidade de Lugo. É especialmente significativo que a exposición coincida coa conmemoración da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, porque ambas representan a mesma historia: a dunha cidade orgullosa do seu pasado e capaz de convertelo nun motor de futuro”, afirmou.

As obras premiadas pasarán a formar parte dos fondos da Asociación Caetra Lucensium.

Comparte éste artículo
No hay comentarios