La Goleta pon o ramo ao ascenso cunha nova vitoria

Saltaban á pista contra Terra Cha co ascenso a Segunda Autonómica xa conseguido, pero os xogadores de La Goleta Santo Domingo Betanzos non querían rematar a liga perdendo a marca de invictos. E custou -os betanceiros ían 13 abaixo mediado o terceiro cuarto- pero, finalmente, grazas a cinco minutos realmente intensos que deixaron un marcador final de 87-78, os seareiros puideron ver como os máis veteranos do club culminaban unha temporada de récord: 28 partidos gañados de 28 disputados.

Remata así unha Terceira Autonómica na que acompañarán a La Goleta, na súa viaxe a Segunda, o CB Ames (24-2) e o Baloncesto Narón (22-6), conxuntos netamente dominadores dunha competición na que participan máis de oitenta equipos.

Os Premini, subcampións da Copa Premium

Por outro lado, os Premini masculino, adestrados por Javi Blanco e Inés Varela, non puideron conseguir a vitoria contra Compañía de María, nunha accidentada final, e quedan coa prata na Copa Premium tras perder por 56-42 na mañá do sábado, o que non ensombrece a enorme temporada realizada polos máis pequenos do club en canastra pequena. No que toca ao Warnier Informática, o equipo adestrado por Javier Codesido e Alía Ortega, cabe celebrar a primeira vitoria na fase de ascenso, nun disputado partido contra as ourensás de Depordima (57-55), á espera de viaxar a Pontedeume no serán do venres na súa cita contra Pontumio, que perdeu por 74-53 contra Compañía de María Santiago, poida que o equipo a bater no camiño das infantís a primeira División.

As cadetes de Decornaveira, o último equipo en competición do club, conseguiu pola súa parte un meritorio pase a semifinais de Copa ao vencer, na tarde do domingo, por un contundente 91-27 a Basquet Coruña U15/16. As rapazas de José Espiñeira e Inés Varela buscarán unha praza na final a fin de semana que vén contra Montrove.

Comparte éste artículo
No hay comentarios