A veciñanza de Cervantes mantén a presión para defender a sanidade pública fronte aos incumprimentos da Xunta

Unha nova concentración diante do consultorio de Doiras reclama a reapertura do servizo e unha atención sanitaria estábel para todo o concello.

A veciñanza de Cervantes volveu saír á rúa este xoves 18 de xuño ás 12.00 horas diante do consultorio de Doiras para reclamar solucións á grave situación sanitaria que atravesa o concello e denunciar a falta de respostas por parte da Xunta de Galiza.


A concentración dá continuidade ás mobilizacións que se veñen desenvolvendo nos últimos meses para esixir a recuperación dunha atención sanitaria digna nun municipio especialmente afectado polo envellecemento da poboación, a dispersión territorial e as dificultades de mobilidade.


A veciñanza denuncia que, malia os reiterados anuncios realizados polo Partido Popular sobre a reapertura do consultorio de Doiras, a realidade segue sendo a mesma: o centro permanece pechado e o concello continúa sen contar cunha cobertura sanitaria suficiente e estábel.


A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, sinalou que “a paciencia da veciñanza está chegando ao límite porque levamos meses escoitando promesas que nunca se materializan mentres os problemas seguen sen resolverse”. Neste sentido, criticou que “o PP utiliza a sanidade da montaña para facer anuncios propagandísticos, pero cando chega o momento de cumprir, a veciñanza continúa sen respostas”.


Bardasco lembrou que a situación ten unha especial incidencia nas persoas maiores, que son quen máis sofren as consecuencias da falta de profesionais e do peche de servizos de proximidade. “Non podemos aceptar que para acudir a unha consulta médica haxa persoas que teñan que depender de familiares, veciños ou desprazamentos complexos por falta dunha atención sanitaria adecuada no propio concello”, afirmou.


Desde o BNG insisten en que a defensa da sanidade pública é tamén unha cuestión de equilibrio territorial e de futuro para o rural. “Cada servizo que desaparece dificulta a permanencia da poboación e agrava o abandono que sofre a montaña lucense. Garantir unha atención sanitaria próxima e de calidade é unha condición indispensable para poder vivir no rural en igualdade de dereitos”, indicou Bardasco.


A formación nacionalista reiterou o seu apoio ás reivindicacións da veciñanza e asegurou que continuará levando esta problemática ás diferentes institucións ata conseguir a reapertura do consultorio de Doiras e unha cobertura sanitaria estable e suficiente para o conxunto do concello.

Comparte éste artículo
No hay comentarios