O PP de Monforte destapa a “connivencia e o pacto oculto” de Tomé, o PSOE e BNG para impoñer a obra da ponte do Malecón

Katy Varela: “en ningún momento criticamos a chegada de recursos a Monforte, o que realmente criticamos é o fin que se lle dá aos cartos, xa que en lugar de investilos nunha ponte que ninguén quere, deberían de destinarse a mellorar a rede de saneamento e abastecemento da cidade, xa que onte había dous barrios sen auga e a Tomé, ao PSOE e ao BNG non lles importa”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte desvelaron hoxe “a política de distracción e falsidades” que están a levar a cabo o PSOE e o BNG en relación á polémica obra da ponte do Malecón, e fronte ás acusacións vertidas polos nacionalistas, os datos demostran que quen está a pactar por detrás e en total connivencia para que esta infraestrutura sexa unha realidade son, precisamente, socialistas e nacionalistas.

A voceira popular en Monforte, Katy Varela, recordar que o pasado venres, 3 de xullo, na xunta de goberno da Deputación de Lugo —órgano no que gobernan en coalición o PSOE e o BNG—aprobouse un convenio por valor de 1.800.000€destinado ao Concello de Monforte. 

Na documentación oficial deste acordo, o alcalde, José Tomé, achega un proxecto cun importe total de obra de 5.126.356,71€ e, malia que o rexedor aduce de cara á galería que eses fondos se van destinar a melloras nas comunicacións urbanas e rurais, “moito nos tememos que se destine ao proxecto da ponte do Malecón”.

Katy Varela explica que o importe total dese proxecto coincide de xeito exacto, ata o último céntimo, co orzamento total da ponte do Malecón, “polo que todo apunta a que os fondos son para esa actuación”.

A voceira popular denuncia que este convenio deixa en evidencia as recentes declaracións do deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Iago Suárez, que acusou publicamente á Xunta e a o PP de “complicidade” cunha actuación urbanística que el mesmo catalogou de “monstruosidade”, escudándose nunha autorización técnica da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta que nada ten que ver coa vontade política.

“O BNG monta o teatro no Parlamento e nas rúas criticando a obra, pero despois, onde se senta a gobernar co PSOE, que é na Deputación de Lugo, aproba os cartos para financiala e que sexa unha realidade que ninguén quere en Monforte”, criticou, ao que engadiu que “quen asina, acorda e saca adiante a ponte do Malecón son José Tomé, o PSOE e o BNG co seu apoio imprescindible dende a Deputación”.

Os concelleiros populares confirman que “estamos e seguiremos estando en contra da construción desta ponte”, aliñándose co claro clamor social que existe na cidade en contra deste proxecto.

“Mentres o PSOE e o BNG pactan nos despachos de Lugo para impoñer unha obra que os monfortinos non queren, o PP de Monforte mantense firme ao lado da reclamación popular. Non imos permitir que se sigan escudando en mentiras para tapar que son eles os únicos responsables de que esta infraestrutura saia adiante”, afirmou.

Katy Varela tamén quere deixar claro que “en ningún momento criticamos a chegada de recursos a Monforte, o que realmente criticamos é o fin que se lle dá aos cartos, xa que en lugar de investilos nunha ponte que ninguén quere, deberían de investirse en mellorar a rede de saneamento e abastecemento da cidade, xa que onte había dous barrios sen auga e a Tomé, ao PSOE e ao BNG non lles importa”.

Outro aspecto que queren poñer sobre a mesa os concelleiros do PP de Monforte son os 928.000€ anuais que debe aportar o Concello durante os vindeiros tres anos para a execución do proxecto, destacando que “a un ano das eleccións, Tomé non debería de comprometer así os próximos proxectos de orzamentos municipais”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios