O Tenente Alcalde e edil de Mobilidade do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López reuniuse con veciñas e veciños de Labio, un dos núcleos onde a Tenencia de Alcaldía iniciará o plan piloto de taxi a demanda. Segundo explicou Arroxo, «Lugo pode ser a segunda cidade do estado en contar cun sistema que permita á veciñanza das parroquias sen servizo de bus solicitar un taxi para achegarse ata a cidade a custo reducido».
O Tenente Alcalde destacou que «poñeremos en marcha un servizo para que a veciñanza, baixo demanda, poida facer os seus desprazamentos, xa que o bus urbano non pode chegar ás 54 parroquias».
O transporte rural a demanda requirirá da posta en marcha dunha plataforma de control que permita ao Concello coñecer a demanda do servizo e os percorridos realizados por cada vehículo. O servizo funcionará de xeito similar ao bus urbano, conectando todas as parroquias con rutas predefinidas e mantendo o prezo do billete do bus urbano, sempre que a veciñanza dos núcleos rurais o solicite con antelación.
Arroxo concluíu que «sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible».