O BNG demanda á Comisión Europea accións urxentes ante a ameaza radioactiva na Foxa Atlántica

Ana Miranda alertou no Plenario do Parlamento Europeo sobre as novas evidencias científicas que amosan un avanzado estado de degradación nos máis de 200.000 bidóns con lixo radioactivo vertidos a 300 quilómetros ao noroeste de Fisterra.

A Eurodeputada do BNG, Ana Miranda, levou a ao Plenario do Parlamento Europeo en Estrasburgo a preocupación ante as evidencias científicas que mostran un avanzado estado de deterioro dos milleiros de bidóns con residuos radioactivos depositados na Foxa Atlántica, e advertiu ao Comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, sobre a potencial afectación medioambiental e na  pesca.

Neste sentido, Ana Miranda exixiu actuacións urxentes á Comisión Europea para evitar o impacto nos ecosistemas mariños e na pesca galega.

Considera que Europa debe avaliar “a compatibilidade entre os residuos radioactivos e a saúde, a sustentabilidade e a seguranza dos nosos océanos, das zonas de pesca e das comunidades costeiras”. Ante esta situación, a Eurodeputada do BNG procedeu ao envío de cartas oficiais á Comisión Europea nas que demanda “accións concretas” na verificación sobre o estado dos bidóns, que Bruxelas cumpra coa súa obriga legal segundo o artigo 35 do Tratado de Euratom ao alentar e supervisar as misións científicas dos Estados membros, como España, e investigue o impacto e a compatibilidade dos bidóns na Foxa Atlántica coas normas europeas”.

As cartas remitíronse á Vicepresidenta Executiva da Comisión Europea, Teresa Ribera, responsábel para unha Transición Competitiva, Xusta e Limpa; pola Comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall; polo Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis; e o Comisario de Enerxía, Dan Jorgensen.  Ana Miranda pon en cuestión que o vertido cumpra coa Estratexia para a Biodiversidade do 2030 da Unión Europea, a Directiva sobre a Estratexia Mariña, o Plan de Acción de Cero Contaminación e, en definitiva, co Pacto Verde Europeo.

Nas misivas, a eurodeputada do BNG lembra que nos últimos xa escribiu á Comisión Europea amosando a súa preocupación sobre os datos científicos que mostraban o deterioro dos bidóns radioactivos. No 2021, Bruxelas confirmou a Ana Miranda que participara nunha misión de verificación, sendo estes os últimos datos oficiais cos que contan as autoridades españolas e europeas. Agora, a representante do Bloque exixe “coñecer que novos pasos estuda adoptar a Comisión Europea”.

O BNG pide unha “reforma urxente” da Política Pesqueira Común

Ademais da súa actividade en relación cos vertidos radioactivos, Ana Miranda participou no debate do Plenario da Eurocámara sobre o estado da Política Pesqueira Común (PCP) e a avaliación emprendida por parte do Comisario de Pesca, Costas Kadis, “moi tímida e un desastre” á xuízo da Eurodeputada do BNG, recollendo as críticas e demandas do sector pesqueiro e mariscador galego.

O BNG e o grupo parlamentar de Os Verdes-Alianza Libre Europea defende que Europa garanta as competencias de pesca para Galiza, “o recoñecemento das confrarías a nivel europeo” para que sexan perceptoras de axudas europeas, e alertou sobre “a falta de axudas para o sector marisqueiro, que está a padecer unha grave crise ”debido á contaminación das rías, o quecemento das augas derivado do cambio climático e a falta de políticas de preservación medioambiental da Xunta de Galiza”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios