A Deputación de Lugo reúne na Ribeira Sacra a representantes de dez países europeos na Asemblea Xeral da Transrománica

“Desde que nos incorporamos á Transrománica en 2021, traballamos para aproveitar as oportunidades que ofrece esta rede paneuropea, impulsando iniciativas que contribúen á conservación, á divulgación e á promoción do noso patrimonio románico”, destacou Pilar García Porto, quen presentou aos membros da rede os resultados das iniciativas da institución provincial.

A Deputación de Lugo exerceu este mércores de anfitrioa da Asemblea Xeral da Transrománica, celebrada no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, foi a encargada de abrir este encontro anual, que reuniu representantes das entidades que integran esta rede europea, recoñecida como Itinerario Cultural do Consello de Europa, tanto de forma presencial como telemática.

Pilar García Porto deu a benvida aos participantes e puxo en valor que a Ribeira Sacra acollese este encontro internacional, que definiu como «un motivo de satisfacción, pero tamén unha responsabilidade», ao reforzar o compromiso da provincia coa conservación e a promoción do patrimonio románico.

Durante a Asemblea abordáronse entre outros a renovación da presidencia da asociación para os vindeiros dous anos que ocupará de novo o alemán Lars-Jörn Zimmer, así como a presentación de actividade da entidade e a posta en común de proxectos e iniciativas impulsadas polos distintos territorios que forman parte da rede.

Na súa quenda de palabra, a Deputada aproveitou para presentarlle aos membros da rede os resultados das actividades organizadas pola Deputación con motivo do Día da Transrománica, que este ano completaron as 300 prazas ofertadas nas 16 rutas gratuítas polo románico da provincia. Así mesmo, informou sobre os avances da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO e doutras iniciativas impulsadas pola institución provincial para a conservación, divulgación e promoción do patrimonio.

García Porto destacou que “desde que nos incorporamos á Transrománica en 2021 traballamos para aproveitar as oportunidades que ofrece esta rede paneuropea, impulsando iniciativas que contribúen á conservación, á divulgación e á promoción do noso rico patrimonio románico”. Subliñou ademais que a protección do patrimonio “vai moito máis alá de conservar os monumentos; significa preservar a nosa identidade, crear oportunidades para o territorio e proxectar ao mundo aquelo que nos fai únicos”.

Na sesión participaron ademais da Deputación de Lugo, representantes da Rota do Románico do Val do Sousa (Portugal), de Eslovaquia, do Concello de Zamora e os membros da directiva da Transrománica: o presidente, Lars-Joern Zimmer; o tesoureiro, Frank Thaeger; e a xerente, Annemarie Schmidt. O resto das entidades membro seguiron a reunión en formato en liña.

A Ribeira Sacra, escaparate do patrimonio románico europeo

A Deputación organizou con motivo da celebración da Asemblea Xeral un programa de visitas para dar a coñecer aos participantes algúns dos principais recursos patrimoniais, culturais e turísticos da Ribeira Sacra. O itinerario incluíu o Colexio de Nosa Señora da Antiga, o Museo de Arte Sacro das Clarisas e o Conxunto Monumental de San Vicente do Pino, en Monforte de Lemos, así como o Convento do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, as igrexas de San Estevo de Ribas de Miño e de Santa María de Nogueira de Miño. O programa completouse cunha visita a unha adega da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e cunha ruta en catamarán polo Canón do Sil.

Segundo sinalou a Deputada, “a mellor maneira de comprender un territorio é vivilo”, polo que este programa buscou ofrecer aos asistentes unha visión completa da riqueza patrimonial, paisaxística e enoturística da comarca.

A Deputación na Transrománica

A Deputación de Lugo forma parte da Transrománica desde 2021, recoñecida como Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa, que agrupa 14 territorios distribuídos en 10 países europeos que son: Austria, Alemaña, Croacia, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España. A Asociación promove a conservación, o estudo e a difusión do patrimonio románico europeo, favorecendo a cooperación entre os territorios que a integran e impulsando a valorización do patrimonio como motor de desenvolvemento cultural, turístico e socioeconómico.

Na provincia de Lugo, a ruta Transrománica está integrada por dez igrexas románicas situadas nos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.

Comparte éste artículo
No hay comentarios