O Concello da Laracha reforza a aposta pola xestión eficiente dos residuos cunha nova campaña de compostaxe doméstica

Ponse a disposición da veciñanza 50 composteiros individuais para instalar nas vivendas particulares con parcela anexa.

O Concello pon en marcha unha nova campaña dirixida a fomentar a xestión eficiente dos residuos coa entrega de 50 composteiros de balde ás vivendas unifamiliares do municipio que así o soliciten. A iniciativa é cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Poden solicitar o composteiro as persoas que residan no termo municipal da Laracha en vivendas illadas e que conten cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 metros cadrados. Deben facer a petición en liña cubrindo o formulario que está dispoñible na web e nas redes sociais municipais, ou ben contactando co Concello.

Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e será instalado no exterior da vivenda tendo en conta unhas recomendacións básicas para o seu correcto funcionamento: situalo nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.

Coa posta en marcha desta nova campaña póñense en valor as vantaxes ambientais, económicas e sociais da compostaxe doméstica. Ademais, estas accións supoñen unha oportunidade para recuperar unha tradición xa asentada no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando ou a elaboración de compost, actualizándoa mediante un sistema máis óptimo, hixiénico, cómodo e eficiente.
Así, o Concello reafirma o seu compromiso coa xestión sustentable dos residuos e coa mellora ambiental do municipio, ofrecendo á veciñanza unha ferramenta sinxela e gratuíta para reducir a xeración de residuos orgánicos desde os propios fogares.

Comparte éste artículo
No hay comentarios