Mulleres Bravas pecha unha nova edición compartindo saberes entre Honduras e Galicia

Dilma Cruz despedirse de Galicia despois de pasar máis de tres semanas coñecendo a labregas locais e tecendo alianzas con organizacións e colectivos que comparten unha forma de producir máis ligada á terra e coa vista posta na protección do futuro.

A labrega agroecolóxica estivo en Galicia desde o 27 de setembro no marco do proxecto Mulleres Bravas de Honduras e Galicia: tendendo pontes entre defensoras da vida, impulsado por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, co financiamento da Cooperación Galega (Xunta de Galicia) e a colaboración de Agareso. Foron días de encontros, saberes compartidos e comunidade que deixan unha pegada fonda nas persoas que tiveron a oportunidade de aprender dela.

Plantas medicinais, partería e ecofeminismo

A visita comezou en Santiago de Compostela cunha reunión coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, e continuou na Universidade da Coruña, onde Dilma se reuniu coa Oficina de Cooperación e Voluntariado e participou nunha charla da materia de Xénero, Traballo e Coidados. De seguido, visitou a Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra.

Os saberes que Dilma herdou da súa avoa sobre plantas medicinais protagonizaron o encontro coa cooperativa de mulleres Milhulloa, en Palas de Rei, onde se puxeron en común as formas de elaborar remedios naturais tanto en Honduras como en Galicia. Ese mesmo día, na Casa Xohana Torres de Santiago, a activista dialogou coa matrona e historiadora Irune Valderrábano na mesa redonda «Partería e maternidade: unha viaxe entre culturas», organizada en colaboración coa Asociación Galega de Matronas (AGAM).

A primeira semana pechouse coas xornadas de Ecofeminismo e decolonialidade na Casa das Máquinas de Santiago —que esgotaron todo o aforamento— e cun roteiro feminista pola cidade da Coruña.

Tres semanas coas mans na terra

Entre o 5 e o 16 de outubro, Dilma conviviu con tres labregas da Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG):

  • En Vedra: Con Pura Seoane (Hortasán), compartiu técnicas para coidar e reproducir o boniato. Dese encontro xurdiu a idea de crear unha «Escola Labrega».
  • En Allariz: Con Uxía García (Tralaleira), plantou couves de outono, recolleu sementes e participou nunha xuntanza veciñal sobre partería, autoxestión da saúde e medicina natural.
  • En Redondela: Con Belén Fervenza (Horta do Cadaval), coñeceu de preto a acuicultura e o marisqueo da ría en Cesantes, ademais de debater sobre a saúde das mulleres.

Pontes co Sur Global

Na recta final, Mulleres Bravas participou nas IX Xornadas de Educación Ecosocial de Tomiño co relatorio «Defender o territorio cos nosos corpos: aprendizaxes Galiza-Honduras».

Así mesmo, Dilma tomou parte no encontro Somos Ponte en Pontevedra, xunto a traballadoras do mar e da terra da provincia, ademais doutras mulleres orixinarias de Honduras, Guatemala e Nicaragua.

Sobre o proxecto ‘Mulleres Bravas’

Mulleres Bravas de Honduras e Galicia é un proxecto de cooperación ao desenvolvemento que xira arredor de visitas de mulleres activistas hondureñas a Galicia para dar a coñecer os impactos do extractivismo sobre as persoas e o medio ambiente, así como para compartir alternativas sostibles.

A iniciativa pon o foco na cidadanía global e na importancia de recoñecer as diferenzas entre as loitas no Sur Global e en Galicia, ao tempo que celebra os puntos de encontro e a forza da solidariedade internacional.

Comparte éste artículo
No hay comentarios