Primeiro derby da temporada para os betanceiros e os cullerdenses.
Cuarta xornada da liga na Tercera FEB e primeiro derby provincial da temporada. Logo da súa derrota por 101-97 en Carbajosa de La Sagrada (Salamanca) o Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe na casa este domingo aos veciños de Traumacor Culleredo. O conxunto cullerdense, adestrado un ano máis por Luis Folla, comparece no José María Valeiro Iglesias “Tocayo” con 2 vitorias e 1 derrota, logo de gañar por 75-74 ao Villa de Mieres, cunha plantilla parcialmente renovada respecto da temporada pasada: continúan Añón, Espinoza, Pablo Sanjurjo e o incombustible exACB Alberto Corbacho, e, aos canteiráns con primeira ficha sénior, como Xián Quintela, súmase a fichaxe de Javi Prieto, Jorge Fernández Pillado e o angolano Danilson C. Capindissa e o estadounidense Earl Dean Burgess II, que aínda non debutaron na liga, aínda que este último si na Copa. Precisamente foi nesta competición (Copa Galicia) cando os dous equipos se viron por última vez as caras cun 79-85 para os de Culleredo.
Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, adestrador dos betanceiros: “O partido contra Culleredo preséntase a priori igualado. Estamos adestrando moi ben a pesar das baixas de Santi, Xavi, Luis e Latas. Culleredo é un bo equipo tanto en ataque como en defensa, temos que defender moi ben os xogadores exteriores como Espinoza, Javi Prieto ou Corbacho. Penso que se somos quen de controlar o rebote defensivo e xogar rápido en ataque, temos opcións de gañar o partido”.
O partido terá lugar o domingo ás 17h e poderá seguirse por BalONcesto TV.
Arranque da canastra pequena
Polo demais, a xornada do 24-25 de outubro trae como principal novidade a estrea dos conxuntos de mini e premini do club despois dunha longa pretemporada. Así, o Santo 2015 xoga contra Arteixo nesa localidade o sábado ás 9:30h e o premini feminino mídese ao Montrove o domingo ás 11h no Agra II (o Santo 2016 descansa e o premini masculino arranca a liga a vindeira fin de semana. Nunha xornada en que non xoga o sénior de Segunda Autonómica, La Goleta, o equipo de Terceira FGB xoga contra Marea Basket o domingo ás 10h na casa e as sénior feminino ás 19h dese mesmo día no pavillón As Mariñas contra Cambre, mesmo rival ca as júnior ás 17h.
Os júnior masculino xogan en Carballo o domingo ás 12h, os infantís o sábado ás 10h en Betanzos contra Obradoiro da Coruña (a seguir será a quenda das cadetes de Decornaveira, 12h fronte a Esclavas), e os dous equipos de canteira de Primeira División do Club, o infantil feminino de Warnier e o cadete masculino de J. Caamaño Arquitecto, buscan sumar fóra: as rapazas de Javier Codesido e Alía ortega xogan en Brión o sábado ás 12h e os mozos de José Espiñeira e Carlos Martínez viaxan a Ferrol o domingo (12h) para xogar contra Basket School en Esteiro.