A concelleira do BNG Mercedes Queixas mantivo recentemente unha entrevista cun colectivo de veciñas e veciños do barrio dos Mallos.
Froito do encontro, a edil nacionalista diríxelle un feixe de preguntas por escrito ao Goberno Local sobre distintos aspectos que atinxen as competencias do Concello, desde a mobilidade até a limpeza.
“En xeral existe unha percepción moi estendida de que o Goberno Local trata peor os barrios populares que o centro da cidade”, resalta Mercedes Queixas, quen refire problemas como a invasión da zona peonil da Rúa Ramón Cabanillas por parte de vehículos particulares ou a falta dun mantemento adecuado do Parque Infantil da Sardiñeira, asunto que o BNG xa levou ao Pleno no mandato anterior (decembro de 2022) a medio dun rogo oral.
Queixas entende que o Executivo coruñés debe atender peticións veciñais tan razoábeis como a instalación dunha marquesiña de autobús na parada 253 dos Mallos ou a habilitación dun espazo de uso comunitario (TEU), “como o que existe nalgún outro barrio da cidade”.