Maís de 225 persoas anotáronse xa para participar nas xornadas, que contarán con profesionais de museos de referencia internacional
A Rede Museística Provincial de Lugo convida a profesionais da museoloxía e a xestión cultural a participar na terceira edición de Estratexias da Museoloxía Social, unha proposta formativa que lles achegará a experiencia e o coñecemento de profesionais de referencia internacional no eido da investigación e a educación nos museos.
Máis de 225 persoas anotáronse para participar nas actividades desde a apertura do prazo, que se manterá aberto ata o 4 de abril.
Conversas con profesionais referentes da educación e a innovación nos museos
A primeira das accións é o ciclo de conversas “Investigar e aprender no museo:outro tempo”, que se desenvolverán en liña todos os martes do 9 ao 30 de abril co obxectivo de de aprender compartindo vivencias, propostas e reflexións sobre estratexias, formatos e experiencias que traballan a xeración de novo coñecemento.
As conversas serán unha oportunidade única para escoitar e reflexionar da man de destacados profesionais da nosa contorna e do ámbito latinoamericano vinculados á educación e investigación nos museos e que son, actualmente, referentes internacionais nestes campos culturais:
• Conversa 1: Rufino Ferreras, responsable de Desarrollo Educativo do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid e coordinador de EducaThyssen.org, e Chiqui González, xestora cultural, especialista en Infancias e Museos e ex-ministra de Innovación e Cultura da provincia de Santa Fe-Arxentina.
• Conversa 2: Olaia Fontal Merillas, directora do Observatorio de Educación Patrimonial en España -OEPE, e Nayeli Zepeda, mediadora, investigadora e co-fundadora de Educadorxs de Museos e NodoCultura (México).
• Conversa 3: Clara Boj, artista, investigadora cultural e docente en la U.P. de València. Co-directora do Programa Experimental de Mediación y Educación a través del Arte Permea-Consorci de Museus de la Comunitat Valenciana e Universitat de València, e Esteban Torres Hormazábal, xefe de Educación, Mediación e Audiencias do Museo Violeta Parra de Chile e Director da iniciativa Museo de los Museos.
• Conversa 4: María Cacheda Pérez , xestora de patrimonio cultural e educadora con perspectiva feminista e inclusiva. Área de Mediación da Axencia Catalana do Patrimonio Cultural, e Johanna Palmeyro museóloga, curadora pedagóxica e impulsora de Movimiento Justicia Museal.
A inscrición nas actividades inclúe o acceso a un espazo virtual de aprendizaxe e a posiblidade de participar nun obradoiro presencial e práctico en setembro no Pazo de Tor, co obxectivo de desenvolver un exercicio de balance do escoitado, reflexión crítica e imaxinación colectiva.