O BNG de Muxía denuncia fugas na rede de auga “cun elevado custo para a veciñanza”

por Redacción A Coruña

A voceira Mercé Barrientos considera “abraiante o desinterese do gobernodurante os últimos meses en adoptar medidas para evitar perdas de auga”.

O BNG de Muxía denunciou fugas na rede de auga no municipio e facturas de camións cisterna para o depósito de Prado que supoñen “un alto custo para a veciñanza”, sinalando que hai facturas do verán de 2023 que ascenden a 180.000 euros, e que este ano o gasto suporá 65.000 euros para as arcas municipais. 

Os nacionalistas subliñaron que habitantes da zona advertiron á portavoz do BNG, Mercé Barrientos, de que “o tránsito de camións de auga que vertían no depósito de Prado foi continuo durante todo o verán, con descargas diarias, mais unha vez queentraba a auga no depósito, volvía baleirarse inmediatamente, o que podería deberse a que houbera fugas na traída”. 

Desde o BNG criticaron “a actitude irresponsable e o desleixo do goberno municipalante a falta de mantemento das infraestruturas das traídas, que compromete a dispoñibilidade deste recurso imprescindible”, e apuntaron que na praia dos Muíños “houbo desde hai meses un auténtico ‘surtidor’, debido a unha fuga de auga das conducións que van ás duchas”. A situación repetiuse no lugar de Ozón, á beira mesmo da estrada. 

A formación frentista destacou que en setembro de 2023 comprobou a existencia de facturas pola compra de auga en cisternas que superaban os 180.000 €, “das que non se informara”, e subliñou que na pasada semana, nunha comisión informativa, a intervención municipal explicou que este ano chegaran outras por máis de 65.000 euros. “A isto hai que sumarlle os informes de Augas de Galicia sobre o estado de abandono de case a totalidade das depuradoras e as multas que se están a pagar a este organismo, 6000 euros as dúas últimas, sen que se faga nada para solucionalo, polo que a situación é insostible”, indicaron os nacionalistas. 

A voceira do BNG Muxián, Mercé Barrientos, manifestou que “é abraiante o desinterese do goberno municipal durante os últimos meses en adoptar medidas para evitar perdas de auga”, e ve “lamentable” que tivera que pasar máis dun ano “para que finalmente fixeran caso e buscaran a fuga”. Ademais, lembrou que “cunha xestión no debido tempo, o Concello podería ter aforrado boa parte dos 250.000 € de auga saídos do remanente”. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario