Menos alumnos por aula, máis atención á discapacidade, coidado do rural e reforzo das Matemáticas e da lectura, entre as principais novidades deste curso.
Galicia contará este curso cun total de 31.603 profesores, a cifra más alta da historia no ensino da Comunidade. Así o avanzou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, quen compareceu no Pleno do Parlamento, a petición propia, para informar sobre as políticas educativas no inicio do curso escolar 2024-2025 que arranca mañá na Comunidade con 307.854 estudantes, 3.289 menos, especialmente nas etapas de Infantil e Primaria.
Este récord de docentes demostra a aposta do Goberno galego polo ensino baixo o liderado do seu presidente, Alfonso Rueda, e “é o resultado de distintas medidas que introducimos no sistema e do compromiso da Xunta coa mellora continua na atención ao alumnado”, afirmou Román Rodríguez. Aumenta o profesorado e o número de aulas malia ter menos estudantes grazas á batería de melloras que se estrean e que, como explicou, abren o proceso “de maior modernización do ensino galego dos últimos 30 anos”.
Esta cifra podería experimentar aínda algunha lixeira variación consecuencia de xestións finais, pero o conselleiro quixo compartila xa no Parlamento tal e como comprometeu durante o mes de agosto, un tempo no que os equipos técnicos non deixaron de traballar na preparación do curso. A eles, e a todos os profesionais que xa agardan a chegada do alumnado nos centros, transmitiulles o seu agradecemento e desexoulles un bo curso.
Enorme avance no último cuarto de século
“Superado o primeiro cuarto do século XXI, é o momento de sentar as bases da que será a educación galega do futuro”, expuxo Román Rodríguez. Antes de explicar cal será a folla de ruta, repasou os avances conseguidos nos últimos 25 anos, nos que Galicia consolidou “un modelo educativo propio que funciona” e que se basea “na igualdade de oportunidades, na cultura do esforzo e na excelencia e que está avalado polos resultados”.
Neste senso, enumerou cifras como o investimento, que medrou ata os actuais 3.000M€ e que sitúa a Galicia como unhas das comunidades que máis inviste por alumno, con case 1.000€ máis que a media española. E no apartado dos resultados, citou variables como o informe PISA, onde pasamos de estar por debaixo da media de España e da OCDE a liderar ámbitos como o científico, o pensamento creativo ou a equidade; e o abandono escolar, que diminuíu de case o 30% no 2000 ao actual 9%, o que nos coloca de novo nos primeiros postos estatais. Tamén o nivel de inglés ou a FP, cuxa inserción laboral medrou dun 30% no 2009 ao 85% actual, con case o dobre de estudantes dos que había entón.
“Estas cifras son froito de políticas estables, dunha visión a longo prazo e, por suposto, do traballo e do compromiso dos membros da comunidade educativa”, resumiu.
Cinco liñas mestras para un novo camiño
O conselleiro pasou entón a explicar “o novo camiño” que inicia este curso o ensino galego grazas ao histórico pacto asinado hai un ano con tres das catro organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial, a quen novamente agradeceu a súa altura de miras para acadar puntos de acordo que garantan a mellor educación a curto, medio e longo prazo e permitir o inicio de curso “coa maior batería de medidas e novidades en décadas”.
Precisamente este acordo é a primeira das cinco liñas coas que Galicia vai planificar a educación do futuro, adiantándose ao resto de España. Aí atópanse medidas como a mellora das rateos, cun 20% menos de alumnos por aula para dar unha mellor atención, e que este curso mantén abertas máis de 200 aulas que pecharían coas vellas rateos.
A mellora comeza xa en 4º de Infantil, que pasa dun máximo de 25 a 20 alumnos, e irase estendendo progresivamente ao resto de niveis, que xa se benefician doutras medidas que consolidan a Galicia como unha das comunidades con mellores rateos medias. Como lembrou, a nova lei educativa estatal foi unha oportunidade perdida neste senso, pois non modificou as rateos, de aí que Galicia decida agora adiantarse e facelo por si mesma.
Medidas pioneiras en España na atención á diversidade
A segunda das liñas é o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, aprobado a semana pasada polo Consello cun investimento de máis de 77M€. Del derívase o reforzo de docentes para alumnado con necesidades educativas especiais e vulnerable. Nese senso, recordou que Galicia se adianta ao resto de España ao computar de maneira especial o alumnado discapacitado, que contará por dous o por tres en función da súa situación.
Galicia xa era a comunidade máis inclusiva do Estado –como acreditan os datos do Ministerio de Educación– “e agora damos un novo paso incorporando unha medida pioneira en España que non existe en ningunha outra comunidade autónoma”.
O Plan MEGA tamén vai permitir o reforzo das Matemáticas e da lectura, o impulso dunha rede de centros referentes que sexan exemplos destacados en diversos campos e un programa de apoio para o alumnado estranxeiro que chega a Galicia. “Non só aspiramos a mellorar o rendemento académico, senón tamén a crear un ambiente que fomente o desenvolvemento integral de cada estudante”, declarou o conselleiro.
Máis de 278M€ e 2.700 obras para mellorar os centros
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cunha renovación dos centros educativos sen procedentes, é a terceira das liñas. A Xunta leva investidos no período 2021-2024 máis de 278M€ en case 2.700 obras, cun novo modelo de arquitectura onde todo está ao servizo da aprendizaxe, facilitando espazos máis versátiles e mellor equipados para traballar en base a novas metodoloxías e propiciando unha maior eficiencia enerxética.
Este plan está a permitir a ampliación de 43 centros en toda a Comunidade e a construción do novo colexio do Milladoiro, en Ames, que vén de ser licitada. Respóndese así ás necesidades de matrícula en zonas con maior dinamismo demográfico, como se ten feito cunha vintena de centros desde 2009 cun investimento de 94M€. Ante isto, reclamou unha vez un Plan Nacional de Infraestruturas Educativas ao Ministerio de Educación.
Alongar á escolarización como mínimo ata os 18 anos
En cuarto lugar, Román Rodríguez abordou un novo impulso á Formación Profesional a través do novo Plan FPGal360 –outro compromiso electoral en marcha– co obxectivo do “de que ningún cidadán chegue aos 18 anos sen algún tipo de titulación que o habilite para entrar no mercado laboral” e afondar na redución do abandono escolar en Galicia.
En paralelo, continuarase co Plan Conecta, que este ano permite crear 46.714 prazas de novo ingreso para que todas as persoas que queiran cursar FP poidan facelo. Ao respecto, lembrou que segue aberto o período de matrícula e animou a inscribirse. Unha vez remate este período –avanzou–, a Consellería estará en disposición de facer balance.
Aforro de ata 3.000€ por fillo nas familias
Completan estas cinco liñas o reforzo integral das políticas de apoio ás familias. “Galicia xa é, deste curso, a primeira comunidade autónoma –e a única polo de agora– cun sistema educativo público gratuíto desde as escolas infantís ata a Universidade”, salientou.
Ás medidas xa en marcha desde hai varios anos, súmase agora a gratuidade da Universidade, o que permite un aforro medio por fillo de 3.000€. “O sistema educativo ten un poder transformador e é un dos recursos máis importantes dos que dispoñemos as administracións para dar as mesmas oportunidades a todos os cidadáns”, opinou o conselleiro sobre esta nova medida coa que se cumpre outro compromiso electoral.
A maiores, lembrou todo o abano de iniciativas coas que a Xunta aforra 100M€ ás familias galegas, como as axudas de libros de texto a material escolar, o reparto de 400.000 libros de balde, a conxelación dos prezos dos comedores ou a gratuidade do transporte, dous servizos estes últimos nos que Galicia inviste moito máis que a media española.
Maior investimento e proximidade no rural
Román Rodríguez dedicou un apartado especial ao ensino rural, no que Galicia é un referente de proximidade a pesares da dispersión xeográfica ao contar con centros de Infantil e Primaria en máis do 90% dos concellos fronte á media de España do 55%. Isto esixe un maior investimento que posibilita que os estudantes teñan as mesmas posibilidades e acaden os mesmos resultados académicos, blindando así a equidade.
Tamén o rural se beneficia das medidas de mellora, ás que se suman algunhas concretas como o feito de manter abertos centros con cinco alumnos cando se aprecie unha evolución positiva da matrícula (aínda que o mínimo por razóns pedagóxicas e de socialización se sitúe en seis) ou a mellora nos agrupamentos. Se ata o pasado curso o número máximo de alumnos de distintos cursos de Infantil que compartían unha mesma aula era de 18, a partir deste curso será de 14, medida que se seguirá ampliando.
Un profesorado renovado e recompensado
No apartado de melloras, tamén abordou as da carreira profesional docente, que se traduce desde o pasado xaneiro en melloras retributivas para recompensar o esforzo dos docentes, especialmente dos que máis se forman e dos que asumen labores de responsabilidade. Só este ano, estes aumentos supoñen un investimento autonómico de 14 M€. Tamén melloras no horario lectivo, nunha menor burocracia ou na conciliación.
Destas medidas poderán comezar a beneficiarse tamén os 1.256 novos docentes que veñen de obter unha praza nas oposicións realizadas este verán. Engádense ás 18.500 prazas convocadas en distintos procesos desde 2009 e que fan que Galicia teña hoxe a taxa de interinidade docente máis baixa do Estado logo dunha ampla renovación.
Na recta final da súa intervención, Román Rodríguez abordou outras iniciativas centradas na mellora da convivencia, nas linguas estranxeiras ou no ensino dixital, apostando por un modelo híbrido que combine papel e tecnoloxía e que se prepara para o despregamento da intelixencia artificial co obxectivo de aproveitala na administración educativa.