As persoas residentes nos centros de maiores e de discapacidade, así como os profesionais que traballan nestas institucións, serán os primeiros en vacinarse.
A Xunta inicia hoxe a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid-19 nas residencias de maiores.
Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presenciaron o inicio da campaña de vacinación na residencia pública autonómica de maiores Torrente Ballester na Coruña. No acto tamén participaron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo; e o xerente da área sanitaria, Luis Verde.
Consciente da importancia que posúe a inmunización para previr posibles complicacións na aparición de enfermidades, o Executivo galego anima a toda a poboación a participar nesta nova campaña na que se incidirá na protección fronte á covid-19, á gripe e tamén na inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).
As persoas residentes nos centros de maiores e discapacidade, así como os profesionais que traballan nestas institucións, serán os primeiros en vacinarse nesta nova campaña que se inicia hoxe. Nesta primeira fase inmunizarase a preto de 30.000 persoas entre residentes e traballadores
Un ano máis, o Goberno galego márcase como obxectivo incrementar as taxas de vacinación en toda a poboación, especialmente, no caso da inmunización fronte á gripe do persoal sanitario, dos nenos, das mulleres embarazadas e das persoas con condicións de risco.
Entre os obxectivos específicos de cobertura están acadar o 75% entre a poboación con 65 ou máis anos e o persoal sanitario; e superar a inmunización de máis do 60% no caso dos nenos e nenas con idades entre os 6 e os 59 meses, as mulleres embarazadas e as persoas con condicións de risco.
A campaña de vacinación conxunta fronte á gripe e á covid-19 estenderase desde a xornada de hoxe até o vindeiro 31 de decembro.
A campaña desenvolverase de xeito progresivo, estando previsto comezar a vacinación dos restantes grupos diana o próximo 7 de outubro: inmobilizados e nenos de 6 a 59 meses, coa novidade de que se lle subministrará a vacina intranasal aos nenos de entre 2 e 5 anos. Desde o 14 de outubro comezarase a vacinar ao persoal dos centros sanitarios e farmacias, persoas >80 anos, inmunodeprimidos; o 26-30 outubro, grandes dependentes <80 anos, persoas de 70 a 79 anos e grupos risco; desde o 11 de novembro, persoas de 60 e máis anos, <60 anos con patoloxías de risco, embarazadas e persoal de servizos esenciais; 18 de novembro, conviventes de persoas de risco e resto de poboación diana.
Entre as novidades que incorpora a campaña de vacinación 2024, destaca a inclusión da inmunización fronte á gripe do persoal que traballa nos centros infantís con nenas e nenos menores de cinco anos.
Galicia conta co calendario de vacinación máis completo do mundo, e mantense como a comunidade líder en España, tanto en taxas de cobertura, como na introdución de novas inmunizacións.
Vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial
Dentro da campaña de vacinación 2024, a Xunta incidirá, un ano máis, na protección dos máis pequenos fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).
Esta medida, na que Galicia foi pioneira a nivel nacional na súa introdución, evitou o ingreso de 400 bebés menores de 6 meses (descenso do 90%), e acadou unha efectividade do 82%.
Neste caso, a campaña de vacinación estenderase desde o 23 de setembro de 2024 ata o 31 de marzo de 2025. A súa poboación diana son as nenas e nenos nados durante a campaña de vacinación, os menores de 6 meses, e os prematuros ou e lactantes con alto risco de enfermidade grave por VRS.
Ademais, durante o transcurso da campaña, no caso de identificar algún lactante nacido desde o 1 de abril de 2024 que non fose inmunizado, realizarase a captación para a administración do anticorpo.
Na pasada campaña, a campaña de inmunización fronte ao VRS superou as 13.000 doses administradas, acadándose unha porcentaxe de cobertura do 95,2%.