O pasado 28 de xullo de 2024 mulleres de Veiga de Pumar reuníronse para constituír a Asociación cultural e de recuperación de memoria de mulleres rurais da colonización de A Terra Chá “As da outra ourela”. Despois dos correspondentes trámites administrativos durante os últimos meses, a asociación é xa unha realidade que nace con vontade de poñer en valor a zona, a súa comunidade e a súa memoria.
O proxecto comezou a tomar forma en marzo de 2023, cando un grupo de mulleres empezou a xuntarse de maneira periódica na antiga escola de Veiga de Pumar, hoxe espazo de reunión da veciñanza case en desuso. O que naceu como un proxecto de recuperación da memoria histórica da colonización medrou para converterse en espazo de creación de comunidade entre xeracións diversas interesadas en que de maneira colaborativa se dea a coñecer o pasado e presente das súas historias de vida.
A colonización de A Terra Chá foi un proceso histórico único que tivo lugar no marco do programa do Instituto Nacional de Colonización do réxime franquista nas décadas de 1950 e 1960. Este programa tiña como obxectivo fomentar o desenvolvemento agrícola e gandeiro de tipo intensivo para superar o modelo do minifundismo e autoconsumo. A colonización de A Terra Chá foi a única que supuxo a creación de vivendas e asentamentos de colonos en Galicia sendo un total de 4 novos núcleos de poboación: Matodoso, Arneiro, A Espiñeira e Veiga de Pumar. Estes enclaves coloniais representaban unha alteración en relación á ordenación tradicional do territorio, pois non eran nin municipios nin parroquias, pero tiñan igrexas e cemiterios propios. A súa artificialidade forzou a existencia de dúas comunidades igualmente estrañadas: a das familias colonas e a “veciñanza de sempre”.
Unha parte das familias recrutadas para estes asentamentos eran damnificadas das propias políticas franquistas, como as repoboacións forestais ou a construción de encoros, que se estaban vendo obrigadas a emigrar por ser privadas do seu modo de vida tradicional. A singularidade do asentamento de Veiga de Pumar é que a totalidade das familias establecidas pertencían a este grupo de damnificados. Todas procedían do mesmo concello, Negueira de Muñiz, no extremo oriental da provincia de Lugo, que pola construción do encoro de Grandas de Salime a mediados da década de 1950 perderan parte das súas terras de cultivo e quedaran practicamente incomunicadas.
Dende esta asociación búscase fomentar o traballo comunitario para recoñecer e dar visibilidade ás voces menos escoitadas do proceso de colonización. O obxectivo é que sexan esas voces as que de maneira colaborativa se convertan en protagonistas da recuperación dunha memoria común, e mesmo nalgúns casos individual, para dar a coñecer o que supuxo para as familias e como esas experiencias vitais se reflicten na realidade actual da zona. Crease así unha nova comunidade arredor da memoria histórica que quere revitalizar un patrimonio único en risco de desaparecer e seguir a crear memoria a partir das súas experiencias actuais. Entre outras cousas xa están a traballar nun libro de receitas traídas da “Outra Ourela” e fusionadas coas da Terra Chá aderezado con anécdotas e recordos diversos. Tamén, comezaron xa os contactos con asociacións de mulleres de Negueira de Muñiz para levar a cabo proxectos conxuntos, e estase a colaborar coa USC na recuperación de memoria e patrimonio visual e documental da zona. En definitiva, a asociación nace coa ilusión de contribuír árevitalización do espazo histórico da colonización e a súa xente.