A UDC incorpora en 2025 sete novos investigadores Ramón y Cajal 

A súa contratación realízase no marco deste programa, que busca promover a incorporación de persoal investigador nacional e estranxeiro cunha traxectoria destacada en centros de I+D

A Universidade da Coruña acaba de sumar  sete novos investigadores beneficiarios das axudas Ramón y Cajal, procedentes da convocatoria de 2023. A incorporación deste persoal investigador (dúas mulleres e cinco homes) realizarase de forma progresiva ata setembro de 2025.

As axudas Ramón y Cajal, concedidas pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, teñen como obxectivo promover a incorporación de investigadores nacionais e estranxeiros cunha traxectoria destacada en centros de I+D ademais de facilitar o desenvolvemento de investigación punteira e fomentar a estabilización laboral destes profesionais.

Trátase dun programa de carácter altamente competitivo, baseado nun rigoroso proceso de selección en concorrencia competitiva que avalía os méritos curriculares, a capacidade para liderar unha liña de investigación e a independencia científica das persoas candidatas, en función da súa experiencia profesional e académica.

Nos últimos anos, a UDC experimentou un notable incremento no número de persoal beneficiario deste programa, contando na actualidade cunha trintena de persoas desenvolvendo os seus proxectos na institución ao abeiro destas axudas.

Dos sete novos investigadores que se incorporan á UDC, dous son estranxeiros e os restantes son nacionais, todos seleccionados grazas a estas prestixiosas axudas; dotadas, cada unha delas, con importes que superan os 250.000 euros, destinados a cubrir o total de cada contrato. 

As novas incorporacións

O novo persoal investigador incorporado é: 

1. Máximo Sozzo, investigador arxentino dedicado ao campo da criminoloxía, especializado en América Latina. É tamén profesor visitante Leverlhume na Facultade de Dereito da Universidade de Edimburgo (Reino Unido) e autor e/ou editor de numerosas publicacións científicas neste campo de estudo.

Como investigador Ramón y Cajal na UDC, dedicarase a desenvolver unha investigación comparativa arredor das transformacións da penalidade nas sociedades contemporáneas, buscando innovar con respecto aos marcos descritivos e explicativos existentes, que seguen ancorados nunha exploración exclusivamente focalizada nos contextos de lingua inglesa do Norte Global.

2. Jonathan Quinson, investigador francés, enxeñeiro en Ciencias Naturais pola ESPCI Paris Tech (Francia) e Máster en Química Verde polo Imperial College de Londres (Reino Unido). Realizou varias estadías posdoutorais como Marie Skłodowska-Curie Individual Fellow en diferentes grupos na Universidade de Copenhague (Dinamarca), onde desenvolveu novas sínteses de nanomateriais que conducen a nanocatalizadores relevantes para una conversión enerxética máis eficiente. Tamén obtivo una beca global Marie Skłodowska-Curie na Universidade de Stanford (EEUU) e foi profesor adxunto titular na Universidade de Aarhus (Dinamarca), onde dirixe o grupo de Enxeñaría de Nanomateriais para Tecnoloxías Sostibles.

Na UDC traballará centrado no deseño, síntese e caracterización de nanomateriais para o seu uso como catalizadores para aplicacións electroquímicas, cun enfoque na conversión de enerxía pero tamén no tratamento de augas.

3. Carlos Vázquez Sierra, doutor en Física Nuclear e de Partículas pola USC. Traballou no Instituto de Física Subatómica dos Países Baixos (NIKHEF, Ámsterdam), así como na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN, Xenebra), retornando posteriormente como investigador María Zambrano á USC.

O seu traballo como investigador Ramón y Cajal na UDC céntrase na realización de medidas relacionadas co bosón de Higgs, e na busca directa de materia escura e posibles candidatos de nova física no experimento LHCb do CERN, do que forma tamén parte desde 2012. Coordinou diversos grupos de traballo dentro e fóra do LHCb, tanto sobre física de partículas como sobre tarefas computacionais, e na actualidade tamén é o coordinador adxunto de física dun novo detector que será construído no CERN nos próximos anos, CODEX-b, para a busca de partículas de moi longa vida.

4. Ana Ballesteros Pena, politóloga e doutora en Socioloxía. É investigadora posdoutoral Marie Curie (UNA4CAREER-COFUND) na Universidade Complutense de Madrid, onde lidera o proxecto GEIPP Igualdade de Xénero e Interseccionalidade nas Políticas Penitenciarias: unha Análise Multinivel (2023-2025). Anteriormente, obtivo outro contrato postdoutoral Marie Curie para o desenvolvemento do proxecto Governmigration na Universidade de Toronto (Canadá) e na Universidade da Coruña e un contrato postdoutoral de Atracción de Talento da Comunidade de Madrid na UCM. Ademais, realizou estadías de investigación na Universidade de Toronto (Canadá), na Washington State University (EEUU) e na Universidade de Oxford (UK).

Esta investigadora incorporarase ao departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación, onde traballará na expansión e consolidación da súa liña de investigación sobre políticas de control social, particularmente políticas penitenciarias e de control migratorio, cun enfoque de xénero.

5. David Polo Montero, doutor en Microbioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), especializado en viroloxía ambiental. Foi galardoado co Premio Extraordinario de Doutoramento pola súa tese «Control e eliminación de virus entéricos en moluscos bivalvos e auga mediante sistemas de depuración e desinfección solar». Realizou, entre outras, unha estancia posdoutoral no IFREMER, o instituto nacional francés para a investigación do mar, onde se especializou no estudo do norovirus (a principal causa de gastroenterite aguda a nivel mundial) e no uso de organoides intestinais humanos para avaliar a súa infectividade e persistencia en auga de mar e ostras. Tamén foi investigador posdoutoral «María Zambrano» na USC e no instituto CRETUS, onde traballou na detección e seguimento do SARS-CoV-2 a nivel comunitario, empregando un enfoque epidemiolóxico baseado nas augas residuais, participando no primeiro sistema nacional de alerta temperá para a COVID-19.

Na Universidade da Coruña, David integrarase no grupo NanoToxGen do Centro de Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA). O seu traballo centrarase no estudo de virus patóxenos en ambientes acuáticos desde unha perspectiva «One Health»; empregando novos enfoques para a súa vixilancia e caracterización, identificación de novos vectores de transmisión, e a aplicación de novas metodoloxías para analizar os seus efectos na saúde.

6. Blanca Moncunill Solé é paleobióloga, cun especial interese en desvelar a bioloxía e as dinámicas evolutivas de especies extintas de lagomorfos (como lebres e coellos) e outros pequenos mamíferos. Licenciada en Bioloxía pola Universitat Autònoma de Barcelona e doutora en Biodiversidade, realizou unha estadía postdoutoral na Università degli Studi Roma Tre, onde afondou no estudo de lagomorfos extintos aplicando técnicas de vangarda.

En 2021 estableceu a súa propia liña de investigación no Sistema Universitario de Galicia (SUG), converténdose na única investigadora dedicada ao estudo paleobiolóxico de micromamíferos no territorio galego. Actualmente dispón dun contrato do programa Marie Curie-ERA, financiado pola Unión Europea (UE), no prestixioso centro CIBIO (Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos) en Portugal.

Ao longo da súa traxectoria, Blanca foi recoñecida con diversos galardóns tanto polo seu rendemento académico como polas súas contribucións científicas.

A liña de investigación que desenvolverá na UDC céntrase na determinación das dinámicas ecolóxicas e evolutivas dos lagomorfos extintos fronte aos cambios ambientais e climáticos do pasado; o que permitirá identificar tendencias e indicadores clave para sabermos como as especies responderon no pasado a cambios climáticos semellantes aos actuais.

7. Andrei Quintiá Pastrana é graduado en Dereito (2016) e doutor pola USC (2021). A súa investigación céntrase no dereito á vivenda e a propiedade urbana, desde unha perspectiva de dereito público. Interésalle, en particular, o emprego de métodos de investigación empírica e a investigación socio-xurídica, para examinar o dereito no seu contexto a través da información que nos proveen os datos.

Andrei participa en varios foros internacionais orientados a especialistas nestas liñas como a European Network of Housing Research, a Socio-Legal Studies Association e a Law & Society Association. Tamén realizou varias estadías internacionais nas Universidades de Oxford, Coímbra, Estocolmo ou Wakayama (Xapón); e foi contratado posdoutoral na Universidade de Groningen, onde traballou no proxecto EVICT financiado polo European Research Council (ERC-Starting Grant). Na UDC ten previsto expandir a súa liña de investigación para analizar as relacións entre a propiedade urbana e outros intereses constitucionalmente protexidos a través de métodos empíricos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios