O Teatro Colón acolle o festival Norte Cinema Diverso: 17 filmes na pantalla grande

Capitanes, unha curtametraxe ambientada no transcurso dunha intensa semifinal da Copa do Rei de fútbol, inaugurará este xoves no Teatro Colón a terceira edición do festival Norte Cinema Diverso.

Coa proxección de Capitanes ás 21:00 horas,a organización únese á celebración do Día Internacional contra a LGTBIfobia no deporte. A curtametraxedenunciao silencio que condiciona a vida pública dos futbolistas homosexuais.

A seguir, verase a curta arxentina House, a primeira das pezas do festival cunha protagonista trans. Fernando Cayazzo, director do Norte Cinema Diverso, comenta que «é o ano do T. Queremos darlles ás persoas trans a voz que merecen. En Norte Cinema Diverso este ano veremos moitas historias que nos achegarán as distintas realidades trans».

A primeira sesión rematará coa proxección do filme portugués Fogo-Fátuo, do director João Pedro Rodrigues. É unha comedia, con toques de musical, un tanto delirante: conta como o rei de Portugal, xa moribundo na segunda metade do século XXI, lembra que de novo, cando aínda era príncipe, quería ser bombeiro. Fogo-Fátuo recibiu o premio especial do xurado do festival de Sevilla.

Durante os tres días do Norte Cinema Diverso proxectaranse tres longametraxes, outros tantos documentais e once curtametraxes. 

As entradas custan tres euros e pódense retirar en ataquilla.com ou no despacho de billetes ás portas do teatro. A sesión de curtametraxes da mañá do sábado será de balde. Entre todas as curtas seleccionadas para o festival elixirase, por parte dun xurado profesional, a gañadora do premio Trini Falcés, que levará o xa tradicional zoco da diversidade elaborado pola artesá Elena Ferro, este ano coas cores da bandeira do xénero non binario.

Norte Cinema Diverso está organizado pola asociación Palestra, a cinemateca Pedro Zerolo e o concello da Coruña, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e a Universidade da Coruña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios