O PP insta a convocar a Xunta Local de Seguridade para desbloquear o uso do aparcadoiro do IES Virxe dos Ollos Grandes para o público en xeral

Elena Candia: «abrir este espazo suporá unha mellora importante para a mobilidade na cidade e estamos convencidos de que, coa colaboración de todas as partes, este trámite pode resolverse con axilidade» lembrando que «deste xeito dáse cumprimento á vontade que se expresou de xeito unánime polo pleno municipal de setembro»

O Grupo Municipal Popular de Lugo solicita a convocatoria da Xunta Local de Seguridade no prazo máis breve posible para aprobar o convenio entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia que permitirá a apertura do aparcadoiro do IES Virxe dos Ollos Grandes en horario compatible coa actividade lectiva.

O 26 de setembro acadouse un acordo unánime no pleno do concello de Lugo no que se indicaba a necesidade deste convenio para abrir este espazo ao público pero tiveron que pasar CATRO MESES para que o concello enviase á Xunta este documento (o borrador do convenio enviouse o 23 de xaneiro). En sete días a administración autonómica constestoulles remitindo ao Concello, o pasado 31 de xaneiro, o documento coas modificacións pertinentes, para facilitar a súa tramitación e aprobación.

A existencia deste convenio é un paso fundamental para garantir a seguridade xurídica deste espazo para que se poida utilizar fóra do horario lectivo. PSOE e BNG anunciaron que a aprobación deste documento tiña que contar coa validación da xunta local de seguridade e, por ese motivo, reclamamos hoxe por escrito nunha carta dirixida tanto a socialistas como nacionalistas a súa convocatoria.

Os populares destacan a importancia de seguir avanzando en proxectos que redunden no beneficio dos lucenses e manifestan a súa total disposición para colaborar na axilización deste proceso lembrando que con esta infraestrutura se ampliarán as prazas de estacionamento dispoñibles nunha zona de alta demanda.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios