Bo e xeneroso. Por @DulceCorcu

A xuventude non ten idade, dicía Pablo Picasso, e podemos velo reflectido en moita xente que, pese ao lóxico avance do paso do tempo, non se resigna a deixar que pase sen máis. Augusto César Lendoiro cumpre hoxe oitenta anos, unha cifra redonda nunha vida de entrega e paixón en brancoazul, ademais dunha popularidade que traspasa a cidade onde vive e incluso da nosa Comunidade, sendo querido, admirado e respectado alén o noso territorio. 

Nado nun Corcubión que nunca esqueceu, a capital coruñesa foi o escenario dunha época imborrable baixo o seu mandato no Deportivo da Coruña. A épica por bandeira e o amor infinito ás cores incrustado no corazón. O seu tándem con Arsenio quizais sexa unha das parellas máis aclamadas do noso pasado recente. Galegos orgullosos de selo e traballadores da mesma causa: un Depor que fixera sentir ese mesmo orgullo a todo mundo e en calquera lugar do noso país. E abofé que o conseguiron. Ilustres no sentido máis alto, o que dá o recoñecemento do pobo, ese que xa non se dividía en madridistas ou culés, senón en deportivistas que vivían o «jogo bonito» no pequeno Maracaná de Riazor ou tiñan en Fran o referente patrio no que mirarse. É o legado aínda vixente dun Lendoiro que dotaba de personalidade e autoestima non só a un club senón a toda Galicia, que espertaba do seu sono no fogar de Breogán para que os bos e xenerosos conquistasen, por fin, o botín que outrora sempre levaban outros. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios