O PSOE de Arteixo esixe ao goberno de Carlos Calvelo a xestión das colonias felinas tres anos despois do acordo

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denuncia a inacción do goberno local ante un compromiso plenario de hai tres anos. A formación esixe que se poña en marcha de xeito inmediato o método CER (Captura, Esterilización e Retorno) para xestionar de forma ética e efectiva as colonias felinas do municipio.

Incumprimento do acordo plenario de 2022

O voceiro socialista, Martín Seco, subliña que o acordo para implantar o sistema CER foi aprobado por unanimidade en agosto de 2022. Mentres outras localidades galegas como Ames, Ares, Miño ou Santiago xa aplican con éxito este sistema, que ademais está avalado pola Lei de Benestar Animal, Arteixo segue sen actuar.

Seco lembra que o método CER é a única solución científica e ética para:

  • Controlar a poboación felina de forma sostible.
  • Mellorar o benestar dos animais.
  • Reducir os conflitos entre a veciñanza.
  • Previr problemas de saúde pública.

O PSOE de Arteixo insta ao goberno a cumprir o mandato plenario e a non atrasar máis unha medida que beneficiaría a toda a cidadanía e ao equilibrio ecolóxico. O grupo socialista lembra ademais que existen axudas estatais de ata 97.500 euros para o control destas colonias.

«Temos protectoras como Marea Felina, clínicas veterinarias colaboradoras e veciñanza disposta a ser voluntaria. O que falta é vontade política para coordinar os recursos e activar o plan aprobado por unanimidade», afirma Seco.

Comparte éste artículo
No hay comentarios