A conselleira María José Gómez participou hoxe en Friol na presentación da nova Asociación de Montes Veciñais con Gando en Extensivo (Movegandex).
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na presentación da Asociación de Montes Veciñais con Gando en Extensivo (Movegandex) en Friol, onde puxo de relevo a importancia da gandaría en extensivo na xestión da biomasa, o que tamén contribúe a reducir o risco de incendios.
Durante a súa intervención, a titular de Medio Rural sinalou que este proxecto une o aproveitamento forestal, a gandaría extensiva e o desenvolvemento local. Neste sentido, resaltou o labor que desenvolven as comunidades de montes, das que Galicia conta cunhas 3.000, e que se encargan de coidar e xestionar máis de 660.000 hectáreas.
En canto á gandaría extensiva, Gómez recoñeceu o valor “inmenso” desta actividade, xa que os animais criados en liberdade contribúen á conservación do medio e manteñen vivo o patrimonio xenético de Galicia grazas ás razas autóctonas galegas.
Asemade, a conselleira lembrou proxectos como “Pastando en Rede”, impulsado pola Universidade de Santiago e empresas enerxéticas, no que tamén participou Friol. Este programa, explicou, probou que o gando é unha ferramenta eficaz para controlar a biomasa e, ao mesmo tempo, xerar beneficios ambientais e económicos.
En definitiva, recalcou que a razón de ser de Movegandex é impulsar unha xestión sostible do monte, recuperando o pastoreo tradicional como forma de coidar a natureza, mellorar o solo e conservar a biodiversidade. Ao mesmo tempo, asegurou que o Goberno autonómico mantén o seu compromiso a prol do asociacionismo forestal como medio para mellorar o seu aproveitamento e favorecer a xestión, a través de figuras como as agrupacións forestais de xestión conxunta, por exemplo.