Carme da Silva defenderá unha moción para exixir ao Ministerio de Traballo cumprir coa lexislación vixente e presentar os documentos após o retraso na súa elaboración.
A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá na cámara alta a vindeira segunda feira unha moción para instar o Goberno do Estado a cumprir de maneira inmediata co Real Decreto 893/2024 e presentar, para o seu coñecemento e aplicación efectiva, tanto o Protocolo de actuación frente ás situacións de violencia e acoso no servizo do fogar como a Guía técnica para a prevención dos riscos laborais no traballo doméstico, ambos pendentes de publicar malia que o prazo legal para a súa elaboración xa foi superado.
A iniciativa, impulsada pola senadora do BNG Carme da Silva, céntrase na parte resolutiva da norma e reclama que estes dous instrumentos fundamentais sexan finalizados, publicados nas webs oficiais correspondentes e postos á disposición tanto das persoas empregadoras como das traballadoras do fogar, tal e como recollen expresamente as disposicións adicionais segunda e terceira do Real Decreto.
“O Real Decreto 893/2024 supuxo un avance histórico, pero sen estes instrumentos esenciais queda incompleto e perde eficacia” sinala Carme da Silva. “Non se pode falar de protección real da seguranza e da saúde laboral das traballadoras do fogar mentres o Goberno incumpre os seus propios prazos e deixa sen desenvolver ferramentas claves frente á violencia, o acoso e os riscos laborais”.
A moción que o BNG levará a debate e votación insta, en primeiro lugar, a ultimar canto antes o Protocolo de actuación frente á situacións de violencia e acoso no servizo do fogar, publicalo nas páxinas web do Ministerio de Traballo e Economía Social e do Ministerio de Igualdade, e facelo accesíbel nas Inspeccións de Traballo. En segundo lugar, exixe presentar de inmediato a Guía técnica en materia de prevención de riscos laborais no traballo doméstico, publicala na web do Ministerio e garantir tamén a súa dispoñibilidade para empregadoras e traballadoras.
A senadora do BNG lembra que se trata dun sector fortemente feminizado, precarizadoe historicamente invisibilizado, onde traballan máis de 348.000 mulleres no conxunto do Estado, moitas delas en condicións de especial vulnerabilidade. “Cada día de atraso na publicación destes documentos é un día máis no que miles de mulleres seguen desprotexidas nun ámbito laboral especialmente sensíbel, como é o domicilio particular” afirma Carme da Silva.
A senadora do BNG agarda que o resto de grupos apoien esta moción, que non fai máis que exixir o cumprimento estrito da norma e a garantía efectiva dos dereitos laborais e da protección da saúde e da dignidade das traballadoras do fogar.