O Concello da Pobra do Brollón convoca o 2º Concurso de Carteis da Feira do Viño de Vilachá co fin de seleccionar o cartel oficial da edición número 33 da Feira, que se celebrará a primeira fin de semana de maio.
O premio pretende estimular a creatividade das persoas participantes, sendo o cartel unha peza moi visible en todas as accións de comunicación da Feira do Viño. Valorarase que os deseños reflictan o espírito da Feira do Viño de Vilachá, que se celebra no icónico conxunto de adegas medievais da Abelaira.
A feira caracterízase pola participación de adegas e colleiteiros con viñas nas ribeiras de Vilachá, e coa gran presenza musical grazas á animación ao longo da fin de semana de grupos de cantos de taberna.
O prazo para presentar os deseños está aberto ata o día 3 de marzo. Establécese un único premio de 200 euros. As bases do concurso están publicadas na páxina web do Concello da Pobra do Brollón no enderezo www.concellodapobradobrollon.gal.