Cadernos da viaxe. A Galicia dual e o cambio posíbel

Van aló dous anos desde aquel febreiro de 2024 no que Alfonso Rueda, alicerzado nomeadamente na grande mobilización das súas bases rurais, logrou manter o edificio da maioría absoluta. Chegados a este marzo de 2026, o panorama demoscópico que debuxan as enquisas confirma a resiliencia do sistema de partidos galego, afondando nunha fenda estrutural: a dunha Galicia dual que camiña cara un binarismo imperfecto entre o polo conservador e a emerxencia dun soberanismo de masas.

A análise demográfica de hai dous anos afondouse: o Goberno Rueda alícérzase cada vez máis sobre a Galicia do interior e as xeracións maiores de 65 anos. Só pode vender unha suposta estabilidade, que semella que para a Galicia máis dinámica non é senón inmobilismo, diante das remudas dun mundo que esixe coñecemento e transformación estratéxica. Neste senso. o arquivo do proxecto de Altri hai poucas semanas presentouse tacticamente non como a derrota que é, senón como un exercicio de suposta «prudencia administrativa» fronte á imposibilidade de conexión eléctrica (responsabilizando da mesma ao Goberno do Estado) e a oposición social maioritaria, da que responzabiliza ao BNG. Unha finta táctica que tenta desactivar a bomba reloxo que ameazaba o seu feudo lucense e furaba os seus apoios históricos na contorna da ría de Arousa e val do Ulla.

Porén, fronte a este castelo, o BNG de Ana Pontón emerxe xa non como unha alternativa de protesta, senón como unha opción de goberno «in pectore«. Cun 32% de estimación de voto nas enquisas deste primeiro trimestre de 2026, o nacionalismo deixou de ser un partido para converterse no burato negro que absorbe todo o que está á esquerda do PP. O sorpasso ao PSdeG é xa un dato estrutural. O socialismo galego de Gómez Besteiro sofre a síndrome da «invisibilidade por pinza«: o electorado urbano e mozo flúe cara a Pontón por unha cuestión de utilidade e soberanía, mentres perde algúns votantes cara ao PPdeG por mor dunha axenda estatal que non coincide coas necesidades urxentes dun país que esixe voz propia no debate sobre o financiamento autonómico e a débeda histórica. Sobre o debate de como podemos xerar benestar garantindo servizos públicos de calidade. Un debate no que o PSdeG non está, amosando arestora a súa inutilidade relativa, que acada tamén a esas difusas opcións da esquerda estatal (IU, Sumar, Podemos…) orfas, ademais, de presenza social e territorial.

Comparte éste artículo
No hay comentarios