Os socialistas de Arteixo urxen a recuperación dos paseos fluviais ante o seu «abandono e deterioro»

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denunciou no último pleno o que consideran un «abandono sistemático e deliberado» dos espazos naturais e de lecer do municipio. A formación presentou un rogo esixindo unha intervención urxente nos paseos do río Bolaños e do Rego da Bidueira, cuxo estado de deterioro actual supón, en palabras dos socialistas, «un risco para a seguridade e un desprezo ao patrimonio natural».

O portavoz socialista, Martín Seco,  destaca que o paseo do río Bolaños, un dos eixes vertebrais da mobilidade peonil na vila, presenta deficiencias graves que van dende “o pavimento esnaquizado e o carril bici impracticable, ata elementos de seguridade como varandas e mobiliario urbano totalmente degradados”.

Unha imaxe de abandono que se estende

A denuncia socialista non se limita ás zonas máis antigas. O grupo municipal alerta de que o Rego da Bidueira, a pesar de ser unha actuación recente, xa amosa sinais evidentes de falta de mantemento básico, o que demostra que o Goberno local «só se preocupa pola foto da inauguración, pero esquece a conservación posterior».

Especialmente grave é a situación das canles de ambos ríos, onde a acumulación de lixo e refugallos persiste dende hai meses sen que se teña activado ningún servizo de limpeza municipal, a pesar das constantes queixas veciñais. «Non podemos permitir que Arteixo dea as costas aos seus ríos por mor da desidia do PP. Mentres o Goberno local mira para outro lado, os nosos paseos pérdense entre a maleza, o lixo e a rotura do mobiliario. Esiximos que se pase da política de parches a unha xestión integral de mantemento que os veciños merecen», insiste o voceiro socialista.

Outras noticias de Arteixo: Meicende, afogado polo po e o abandono: Os socialistas esixen medidas urxentes na zona da Báscula

O Grupo Socialista insta ao goberno de Arteixo a executar de xeito inmediato unha rehabilitación integral do Río Bolaños,  un plan de conservación na Bidueira e a limpeza de canles (retirada inmediata de plásticos, residuos e elementos obstructores nos leitos fluviais para protexer o ecosistema local).

O PSOE acompaña esta iniciativa con probas gráficas que evidencian a situación e advirte que seguirá fiscalizando o estado destes espazos ata que o Concello devolva aos cidadáns uns paseos dignos e seguros 

Comparte éste artículo
No hay comentarios