![]()
Non tiña a intención de mollar a pluma sobre o esperpento do que está a ser testigo a cidade bimilenaria de Lugo por mor da moción de censura presentada polo PPdeG ao goberno progresista de coalición presidido por Miguel Fernández. Mais ante un feito de lesa democracia coma este, non cómpre o silencio, senón o rexeitamento cívico e democrático da cidadanía. Unha cuestión vergoñenta na que aproveitando a desgraza humana cebada sobre o equipo de goberno do grupo socialista no que perderon a vida tres dos seus integrantes, incluída a propia alcaldesa, Paula Alvarellos, motivo polo que se produce a correspondente remodelación do fatídico goberno. Fronte a este drama humano non faltou a fría e calculada habelencia da oportunidade dunha muller procedente da antiga provincia de Mondoñedo, Elena Candia, hoxe asentada convintemente no recinto histórico onde Paulo Fabio Máximo levantou esta fermosa e acolledora cidade amurallada, da que aínda se conservan numerosos vestixios. E aí comeza o troco, no que se atopa outra muller, María Reigosa (din de moitos talentos e sobrada ambición), a candidata perfecta para o guión deseñado pola mindoniense.
A moción de censura é un instrumento legal que non debe cuestionarse como tal, mais a súa posta en acción debe estar precedida por un conxunto de feitos e principios que acrediten e xustifiquen a súa operatividade e lexitimidade, de non concorrer tales requisitos pode converterse nun acto perverso e inmoral do noso sistema democrático, feito que semella, a todas luces, o anunciado para este xoves no concello de Lugo.
A pretendida xustificación de tal feito é elocuente, e para elo activouse todo un poder mediático (que non é cativo). O PPdeG trata de establecer unha comparativa entre a moción de censura presentada no seu día por Pedro Sánchez ao goberno popular de Mariano Rajoy, nada que ver, non existe analoxía. Naquel intre dábanse unhas circunstancias excepcionais que xustificaban sobradamente aquela acción censurable, e así o entendeu a maioría da soberanía nacional representada no Congreso dos Deputados, pois a corrupción sistémica acreditada e probada xudicialmente daquel goberno e do PP que o sustentaba, era clara e ostensible. Un feito que trae causa da “Operación Kitchen” que se está xulgando estes días na Audiencia Nacional, o acontecemento máis grave que se tén producido no actual período democrático, como é a utilización perversa do aparello do Estado encargado da seguridade e protección do sistema que configura o noso Estado de Dereito, adicado, presuntamente, a destruir probas incriminatorias do partido que sustentaba aquel goberno.
Por moito esforzo e imaxinación que se lle poña para xustificar a moción de censura presentada no concello de Lugo, apoiándose na símple aritmética forzada e proporcionada por unha tránsfuga de libro, que entrou na corporación pola quenda da desgraza, con manifesto desprezo á memoria e traxectoria do compañeiro sustituído. Nada que ver, pois, unha moción coa outra, pois a que despoxou a Rajoy do goberno fundamentábase nunha causa obxectiva que a xustificaba. Nembargantes, a presentada no concello de Lugo, baséase na subxectividade de intereses e aspiracións persoais das súas principais promotoras, coa anuencia manifesta do PPdeG e do resto dos concelleiros asinantes. Unha inmoralidade!
Non coñezo persoalmente a ningunha das protagonistas deste esperpento. Mellor dito, á señora Candia, sí a coñezo por notoriedade dos seus cargos públicos, á que xa lle teño adicado algunhas referencias xornalísticas, incluso recoñecementos da súa fulgurante escalada de éxitos na súa medra política. Á señora Reigosa (a máis prodigada en adxectivos escritos e verbais dos últimos días) non a coñezo. Mais teño que dicir que me sorprende e decepciona o seu proceder, pois é revelador do que non se debe facer, nin en política, nin na vida mesma. Un mal exemplo.
Unha das cuestión que máis me chaman a atención do debate público suscitado por este asunto, foi observar a defensa do indefendible, con argumentos que rozan a estulticia e ofenden a intelixencia. Defensores sistémicos que confunden e mesturan legalidade e lexitimidade para xustificar e normalizar o esperpento. Sabemos ,pois, que a moción de censura é un instrumento legal, mais para que goce de lexitimidade debe estar amparada en feitos obxectivos consonte á razón e a xustiza, xamais unha operación de transfuguismo coma a que estamos a ver no concello de Lugo pode ser lexitima e moral. Tamén sabemos que a acta de concelleiro/a pertence legalmente ao seu titular, pero non esquezamos que ese titular presentouse nunha lista pechada dun partido político concreto, e baixo un determinado programa electoral que o vincula, un contrato mancomunado suscrito coa cidadanía que vai exercer o sagrado dereito de sufraxio ao seu favor. Condicións todas elas que deben ser escrupulosamente respectadas no exercicio da súa responsabilidade representativa e institucional.
As condicións precedentes non semellan ser a base e fundamento que guiaron ao PPdeG para esta ousada decisión, pois nesta operación só vemos á señora Candia subida no seu garañón, coma quen afala a aquela grea cabalar montuna, a que ano tras ano arriba polas San Lucas á praza da Catedral de Mondoñedo, un dos meirandes espectáculos daquelas festas. E fronte a esta desbocada actitude, contemplamos as facianas impertérritas das súas compañeiras e compañeiros, nas que se manifesta un evidente desencaixe dos seus músculos faciais, amosando preocupación e medo, seguramente cavilando: en que lío nos metiche, Elena! Pero Elena é unha muller firme nas súas decisións, sen reparar nos medios a empregar. Como coñecedora da lenda da “Ponte do Pasatempo”, á que seguramente se achegou máis dunha vez para lembrar aquela treta fatídica, protagonizada por aqueles coengos para que o indulto non chegara ao seu destino, mentres a testa degolada do Mariscal don Pedro Pardo de Cela rodaba de xeito infame polo empedrado da praza catedralicia.
Agardamos mellor sorte para o goberno despoxado do concello de Lugo, e que impere a luz da xustiza e a conciencia democrática.