O popular advirte de “atrasos no reparto, acumulación de correspondencia, oficinas saturadas e carteiros desbordados a consecuencia dunha política de recortes encubertos, falta de planificación e ausencia de reforzos suficientes” por parte do Goberno de España, do que depende a empresa pública Correos.
O senador popular José Manuel Balseiro defenderá este martes na Comisión de Hacienda do Senado unha iniciativa sobre a situación do servizo de Correos na provincia de Lugo.
Atrasos no reparto, acumulación de correspondencia, oficinas saturadas e carteiros desbordados “son a consecuencia directa dunha política de recortes encubertos, falta de planificación e ausencia de reforzos suficientes” por parte do Goberno de España, do que depende a empresa pública Correos.
O popular advirte da “precariedade” do servizo de Correos, empresa pública dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, que rexistra atrasos no reparto do correo postal a veciños e veciñas de varios municipios, especialmente do rural, debido á escaseza de persoal.
Nese sentido, Balseiro defende “un servizo postal áxil que garanta entregas rápidas e seguras” mentres que, na actualidade, “está a entorpecer a actividade diaria de veciños e empresas que reciben con atraso comunicacións, en moitos casos, de gran importancia; a pesar do esforzo do persoal por prestar o servizo”.
As respostas do Goberno ás preguntas formuladas polos senadores do PP lucense ante a situación de moitos municipios como Ribas de Sil, O Valadouro, Alfoz, Trabada ou outros puntos da provincia, evidencian “unha preocupante redución de efectivos, vacantes sen cubrir e baixas que non se substitúen”.
Polo tanto, Balseiro instará ao Goberno de Sánchez a adoptar de xeito inmediato medidas para reforzar o persoal de Correos na provincia, cubrindo todas as vacantes estruturais e garantindo un número de efectivos suficiente para prestar o servizo con normalidade.
Así mesmo, esixe a substitución automática e sen demora de todas as baixas laborais, xubilacións ou ausencias temporais, evitando que a carga de traballo recaia sobre persoais xa insuficientes.
Igualmente reclaman dotar ás oficinas e unidades de repartición da provincia de Lugo dos medios materiais e organizativos adecuados para asegurar a regularidade, calidade e puntualidade do servizo postal universal.
E reclama un plan específico de reforzo para o medio rural lucense que garanta que ningún municipio vexa minguado o seu servizo postal por falta de persoal.