O senador mariñán José Manuel Balseiro considera “incomprensible” que dispoñendo das luces instaladas non se poñen en funcionamento porque “o obxectivo é precisamente previr accidentes”.
Os populares censuran que o Goberno de Sánchez se negue a iluminar as rotondas de acceso ao polígono e á variante de Ribadeo dende a A-8 como tiña solicitado o alcalde, Dani Vega, para garantir a seguridade dos usuarios nestas infraestruturas clave que xa dispoñen da instalación.
Os senadores do PP lucense -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- dirixíronse formalmente ao Goberno de España a petición do rexedor e o goberno local que, despois de trasladar esta demanda ata en catro ocasións sen recibir resposta, continúan preocupados polos riscos que supón a falta de iluminación nestes accesos.
E, ante as súas preguntas, o Executivo estatal confirma por escrito que para acender as luces nestas zonas “ten que haber máis intensidade de circulación de vehículos ou rexistrar accidentes”. Nese sentido, os populares consideran que “é incomprensible que non acendan as luces porque o prioritario debería ser previr calquera tipo de risco”. É máis, “se as luces están instaladas, o normal sería poñelas en funcionamento”, segundo asegura o senador mariñán José Manuel Balseiro.
A resposta oficial do Goberno de España recolle que “non se dan nos enlaces de Ribadeo da A-8” as circunstancias para cumprir os criterios de iluminación. Si se producen máis de 120 días de choiva ao ano; pero, con carácter xeral, a intensidade media de circulación de vehículos deber ser superior a 60.000 vehículos ao día -e son 11.000 vehículos/día no caso de Ribadeo- ou tratarse dun tramo de concentración de accidentes -circunstancia que tampouco se dá-.
Balseiro condena que “condicionen o acendido da iluminación ao número de sinistros, cando o obxectivo da iluminación é precisamente previr accidentes e garantir a seguridade viaria. Nos entendemos que a iluminación é prevención e o Goberno de Sánchez entende que non é necesario ata que se produzan accidentes”, censura.
O alcalde de Ribadeo incide en reclamar “unha solución inmediata” porque “estamos a falar dun tema de seguridade”. Así mesmo, lembra outrasreivindicacións pendentes en materia de infraestruturas, como a necesidade dun segundo acceso á A-8 en Ribadeo e a conexión coa rede viaria provincial: “son accesos moi importantes que se levan reivindicando historicamente co apoio de tódolos grupos da Corporación Municipal”, conclúe.