Vistos os incendios do verán do 2025 xa a finais de agosto e principios de setembro solicitamos a reunión urxente do Consello Forestal de Galicia, órgano colexiado no que está representada a administración, os propietarios dos montes, as empresas forestais, as universidades, os sindicatos agrarios, os ambientalistas…a calada foi a resposta. Solicitamos que se cumprira co lexislado na Lei de Montes de Galicia, na Lei de Prevención de Incendios Forestais de Galicia, na Lei de Augas e nas normativas de aplicación para restaurar/rexenerar os ecosistemas estragados polos lumes do 2025 (máis de 150.000 hectáreas, dados EFFIS Copernicus), silencio e sen resposta.
Dixémolo en tempo e forma e ninguén fixo caso, nos montes calcinados urxía xestionar axeitadamente os ecosistemas esnaquizados para minimizar a erosión, protexer os acuíferos, evitar danos nas poboacións e infraestruturas…
Xunta de Galicia, Confederacións Hidrográficas do Miño-Sil e do Douro, Deputacións e Concellos non fixeron os deberes e agora…
As políticas neoliberais ácratas «deixar facer, deixar pasar» da Xunta de Galicia ten consecuencias, permitiron tallar a madeira queimada sen aplicar ningún «prego técnico», deixaron facer vías de saca ao chou, nin xiquera lle pediron ás empresas madeireiras que aplicaran as actuacións mínimas que publican nos seus dípticos a Consellería do Medo Rural e a Consellería de Medio Ambiente…
Incomprensiblemente son constitucionalistas que incumpren co que eles mesmos lexislan, co que de maneira cotiá acostuman a predicar. Ulo sentidiño
O seu desleixo, a súa inacción e a súa manifesta incompetencia ten como consecuencia os danos que se están producindo nos montes, nos ecosistemas acuáticos, nas aldeas, nas infraestruturas…