Un doutoramento industrial do CITENI deu lugar a unha metodoloxía que permite avaliar e comparar os riscos asociados aos combustibles marítimos alternativos en contextos con escasa información.
O transporte marítimo enfróntase a un dos grandes desafíos da súa transición enerxética: decidir que combustibles alternativos empregar nun contexto no que aínda existe pouca experiencia operativa e escasean os datos sobre o seu comportamento real a bordo.
Metano, metanol, amoníaco ou hidróxeno aparecen como alternativas capaces de reducir as emisións contaminantes do sector, pero a súa implantación tamén introduce novas incógnitas relacionadas coa seguridade, o almacenamento ou a operación dos buques. Esta falta de información dificulta a avaliación dos riscos asociados a cada opción e complica a toma de decisións nas fases iniciais de deseño dos barcos.
Para darlle resposta a este reto, persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no Campus Industrial de Ferrol, desenvolveu unha metodoloxía que permite identificar, clasificar e priorizar riscos en escenarios con información limitada.
O traballo recóllese no artigo “Hybrid Methodology for Alternative Fuels Risk Assessment”, publicado na revista Fuels. A investigación está vinculada á actividade científica desenvolvida tamén na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da Universidade da Coruña (UDC) e forma parte do doutoramento industrial que o investigador do CITENI José Miguel Mahía realiza en colaboración con CT Ingenieros. O estudo está asinado conxuntamente cos membros do grupo de Enxeñaría Enerxética (INGEN)Ignacio Arias e Manuel Romero, e conta, ademais, coa participación de Sandrina Pereira, da Escola Superior Náutica Infante D. Henrique (ENIDH), de Portugal, froito da colaboración establecida durante unha estadía internacional do investigador.
Unha ferramenta para decidir cando faltan datos
“Un dos principais retos na descarbonización do sector marítimo é avaliar os riscos asociados aos novos combustibles para a súa adopción a bordo, así como a toma de decisións entre diferentes alternativas nun contexto marcado pola escaseza de datos”, explica José Miguel Mahía. “Esta metodoloxía xorde precisamente para darlle resposta a esa necesidade, proporcionando unha ferramenta estruturada que permite analizar os riscos mesmo cando a información é limitada, o que facilita unha toma de decisións máis sólida desde as primeiras etapas de deseño”, engade.
A metodoloxía, denominada MAHI (methodology for alternative-fuels hazard identification), propón un novo marco de análise dos riscos asociados aos combustibles marítimos alternativos. A súa principal achega é o desenvolvemento dunha ferramenta que permite avaliar e comparar riscos sen necesidade de contar con datos cuantitativos completos. Para iso, integra nun único proceso distintas técnicas de análise de riscos xa empregadas en ámbitos industriais, como a identificación de perigos en sistemas complexos (hazard identification, HAZID) e a análise de desviacións no funcionamento de procesos (hazard and operability study, HAZOP).
O sistema combina a avaliación da probabilidade e do impacto dos distintos escenarios co coñecemento experto, o que facilita cotexar alternativas tecnolóxicas e definir prioridades nun contexto marcado pola incorporación de novos combustibles e a transición enerxética do transporte marítimo.
Esta metodoloxía permite comparar as consecuencias de fugas, explosións ou incidentes relacionados cos combustibles alternativos antes de que ocorran. É dicir, confronta distintos escenarios posibles como, por exemplo, unha fuga de amoníaco no seu sistema de almacenamento –cun elevado impacto debido á súa toxicidade– fronte a un fallo nos sistemas de almacenamento de metanol ou de gas natural licuado (GNL), e facilita así unha avaliación comparativa dos riscos de grande utilidade á hora de decidir que combustible empregar nobuque.
Deste xeito, a MAHI identifica os aspectos máis relevantes desde o punto de vista da seguridade e estrutura a análise de forma máis completa, mesmo enausencia de datos históricos suficientes. O seu obxectivo é establecer prioridades e apoiar a toma de decisións nun momento clave para o sector, marcado pola incorporación de novos combustibles e pola necesidade de avanzar cara á descarbonización.
Investigación aplicada ao sector marítimo
Os resultados do estudo reforzan a liña de investigación do grupo e do CITENI en seguridade operacional e descarbonización marítima. O traballo achega ferramentas que facilitan adoptar novas tecnoloxías enerxéticas nun sector crucial para reducir as emisións globais, en que a toma de decisións nas fases iniciais de deseño dos barcos resulta determinante para a súa viabilidade futura.