O Teatro Colón convértese en Chocolatia na gala de fin de curso do Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña

O alumnado protagonizou un espectáculo inspirado no universo do chocolate, a repostaría e a fantasía.

O Teatro Colón converteuse onte en Chocolatia, unha fábrica imaxinaria de chocolate, dozura e fantasía, coa gala de fin de curso do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, unha das citas máis especiais do calendario do centro.

Todo o alumnado de grao elemental e profesional participou nun espectáculo cheo de cor, movemento e atractivo visual, no que o chocolate, os bombóns, a nata chantillí, os pasteis, os macarons, o algodón de azucre e os caramelos se transformaron en danza sobre o escenario.

A gala de fin de curso é cada ano un momento moi agardado polas familias, polo alumnado e polo profesorado, que preparan con especial coidado unha posta en escena pensada para sorprender ao público con números de gran forza visual, coreografías colectivas, vestiarios moi coidados e propostas escénicas que combinan técnica e creatividade.

Nesta ocasión, o Conservatorio levou ao escenario “Chocolatia”, unha obra inspirada no universo da repostaría, cunha escola de doces e unha fábrica imaxinaria na que unha maquinaria fantástica mestura cacao e azucre a través de engrenaxes case máxicas. Ese mundo larpeiro serviu de fío condutor para unha montaxe na que o alumnado amosou a súa evolución artística e técnica.

A proposta conecta tamén coa tradición da danza clásica inspirada no mundo dos doces, desde o coñecido reino dos doces de “O Crebanoces”, de Chaikovski, ata o ballet “Schlagobers”, de Richard Strauss, ambientado nunha pastelaría vienesa. A obra incorpora ademais unha referencia a Manuel María Puga e Parga, “Picadillo”.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, felicitou ao alumnado e o profesorado do Conservatorio polo éxito da función e destacou que “a gala de fin de curso é un dos momentos máis especiais do ano, porque permite compartir coas familias e co público todo o esforzo e a aprendizaxe acumulados durante meses”.

O Conservatorio Profesional de Danza da Deputación foi fundado en 1990 e leva máis de tres décadas formando a moitas bailarinas e bailaríns, creando vocacións artísticas e ofrecendo unha formación pública de calidade nunha disciplina que require constancia, sensibilidade e moito traballo.

A función de onte contou cunha excelente acollida por parte do público, que encheu o Teatro Colón para acompañar ao alumnado nesta cita final de curso. Hoxe xoves, ás 20 horas, celebrarase unha nova función, tamén no Teatro Colón, para que máis familias e espectadores poidan gozar de “Chocolatia” e do traballo artístico desenvolvido polo Conservatorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios