O racismo, antes de que a ultradereita o normalizase, estaba mal visto e non se alababa en público nin tampouco se presumía del. Agora, si. Agora ata un ex presidente do goberno español o vomita nunha columna dun pseudomedio coñecido por calquera cousa menos polo rigor informativo.
Mariano Rajoy non ten unha narrativa excelsa, que digamos. Máis ben simple e carente da menor análise táctica para debullar un partido, pero aí está para lenbrarnos que o importante é ser español e moito español. Con Francia no horizonte coma rival dos españois nas semifinais deste mundial de charanga e pandeireta, Rajoy escribe sobre o potencial galo recalcando que de franceses non teñen nada. Porque son negros, básicamente. Orixinarios de países pobres que emigraron no seu día coma milleiros de galegos e españois, aos que non regalaron a residencia porque non podían mercar un palacete nas zonas turísticas do país, coma promovera o goberno do propio Rajoy con aquela Golden Visa da que se beneficiaban os estranxeiros ricos, que non necesariamente exemplares e dos que non importaba que cor tivesen. A multiculturalidade é hoxe en día algo global, e as mentes evolucionadas non o ven coma un perigo nin a fan de menos, senón que resulta algo natural. A selección española tamén é un crisol actualmente diso mesmo, e quizais Rajoy pense igual que da francesa. Onde van aquelas outras «rojas» nas que polas veas dos xogadores corría únicamente a pureza sanguínea do Cid Campeador. Non temos constancia de momento que en Francia se elevase ningunha queixa por este asunto. Tamén é posible que non dean maior importancia ao que diga un tipo que no Congreso foi substituido por un bolso. Fin da cita. Ah, e viva o viño!