Xosé Manuel Fernández denuncia a “desidia” do goberno municipal ante os continuos problemas coa auga e critica que a Xunta anuncie como novidades actuacións viarias reclamadas desde hai anos.
O BNG de Baralla acusou o alcalde, Miguel González, de “vender fume” á veciñanza tras as reunións mantidas nos últimos días coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e co delegado territorial da Xunta en Lugo. Os nacionalistas consideran que estes encontros están a ser utilizados para trasladar unha imaxe de xestión que contrasta cos problemas que o concello arrastra desde hai anos e que continúan sen solución.
O responsábel local do BNG de Baralla, Xosé Manuel Fernández, sinalou que “o alcalde leva case oito anos gobernando e non pode seguir presentándose diante da veciñanza como se acabase de chegar ao Concello. Baralla ten problemas perfectamente coñecidos desde hai anos e o que precisamos son solucións, non máis fotografías, reunións e anuncios”.
Un dos exemplos máis evidentes, segundo o BNG, é a situación do abastecemento de auga. O concello leva anos padecendo problemas na subministración, con cortes reiterados e deficiencias na calidade da auga. Unha situación que xa existía durante o mandato do anterior alcalde e que, despois de case oito anos de Miguel González na Alcaldía, continúa sen estar resolta.
“Resulta un insulto á intelixencia da veciñanza que o alcalde diga agora que non se trata de solucionar problemas actuais, senón de ‘adiantarse ao futuro’. O problema da auga non está no futuro: está aquí, leva anos afectando ás casas de Baralla e a responsabilidade dun alcalde é afrontalo”, afirmou Fernández.
O BNG considera especialmente preocupante que, despois de tantos anos sen unha solución definitiva, a posible mellora do abastecemento quede agora condicionada á obtención de fondos europeos. “Despois de anos de desidia, a proposta é esperar a ver se chegan fondos europeos. Baralla necesita planificación, proxectos e compromiso das administracións, non seguir fiando a solución dos seus problemas á seguinte convocatoria de axudas”, incidiu o responsábel nacionalista.
O BNG tamén cuestiona os anuncios realizados tras a reunión do alcalde co delegado territorial da Xunta e lembra que algunhas das actuacións das que agora presumen ambas administracións son reivindicacións históricas.
É o caso do acondicionamento da LU-710 entre Baralla e Neira de Rei, unha actuación da que xa se falaba no ano 2010 e que acumula anos de anuncios e adiamentos.
“Presentar agora esta obra como mostra da atención da Xunta a Baralla é querer borrar máis dunha década de promesas. Se algo demostra a LU-710 é precisamente canto tempo pode tardar o PP en atender unha necesidade evidente do noso concello”, afirmou Xosé Manuel Fernández.
Os nacionalistas tamén poñen o foco na actuación anunciada para a LU-621, que comunica Baralla con Láncara e A Pobra de San Xiao. Segundo o proxecto de licitación, a intervención abrangue unicamente o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 11+300 e 19+000, é dicir, 7,7 quilómetros, polo que non afecta á totalidade do trazado.
Ademais, o BNG advirte de que o proxecto non contempla o fresado previo do pavimento, senón o recrecemento da capa de rodadura. Isto pode provocar un incremento da cota da estrada ao seu paso polos núcleos de poboación, con consecuencias nos accesos ás vivendas e camiños e na evacuación e escorrentía das augas.
“Non cuestionamos que se actúe na estrada, todo o contrario: levamos anos reclamándoo. O que cuestionamos é que se pretenda vender como unha gran actuación unha intervención parcial e que nin Xunta nin Concello expliquen como van solucionar os problemas que pode ocasionar nos accesos ás vivendas e na evacuación das augas”, explicou Fernández.
O BNG tampouco entende que na LU-621 non se apliquen os mesmos criterios de actuación empregados na estrada que comunica Baralla con Baleira. “Non aceptamos que, coa conformidade do alcalde, se consolide unha política na que parece haber veciños e veciñas de primeira e de segunda dependendo da estrada ou da parroquia na que vivan. Todos teñen dereito aos mesmos servizos e á mesma atención”, engadiu.
O BNG de Baralla considera que a maioría absoluta da que dispón Miguel González está favorecendo unha forma de gobernar marcada pola falta de diálogo e pola ausencia de autocrítica.
“Ter maioría absoluta permite tomar decisións, pero non converte automaticamente esas decisións en acertadas. O problema é cando esa maioría se transforma en soberbia e se utiliza para non escoitar, non dar explicacións e actuar como se non houbese alternativa”, afirmou Xosé Manuel Fernández.
O responsábel local asegurou que o BNG continuará fiscalizando a acción do goberno municipal e trasladando propostas para resolver os problemas reais do concello.
“Baralla necesita outra maneira de gobernar: con rigor, planificación e prioridades claras. Un Concello que se preocupe por mellorar a vida de toda a veciñanza por igual, viva onde viva, e que deixe de confundir gobernar con facer anuncios. Esa é a alternativa que queremos construír desde o BNG”, concluíu Fernández.