Rueda aposta por reforzar a Estratexia Retorna este ano

Pide axilizar os trámites para as persoas migrantes e retornadas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a aposta do Goberno autonómico por reforzar as políticas da Estratexia Galicia Retorna neste 2025 e salientou a importancia de axilizar os trámites para as persoas migrantes ou retornadas que queren iniciar un proxecto vital na comunidade: “Necesitamos xente que veña aquí a traballar, xente que veña aquí a vivir. É importante que entre todos facilitemos que esas persoas poidan vir a Galicia”, salientou.

Durante un encontro cos membros do corpo consultar da Coruña e Vigo, no que estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, Rueda fixo fincapé no esforzo que está a realizar a Xunta desde hai anos para potenciar as políticas de retorno e que permitiron que un total de 8.500 galegos do exterior retornasen no 2023, cifra récord por terceiro ano consecutivo: “Son políticas co obxectivo de dicirlles a todos os galegos de orixe que aquí está a súa terra. Foi sempre, e se agora queren que sexa a súa terra de referencia estamos absolutamente encantados”, destacou o presidente.

O Goberno autonómico ten en marcha a Estratexia Galicia Retorna que inclúe un cento de medidas, entre elas, as bolsas BEME para que galegos do exterior culminen a súa formación académica na comunidade -a través dun ciclo de FP, dun máster ou un grao- ou o programa Retorna Cualifica Emprego, que permite regresar a Galicia cun contrato indefinido de traballo.

Na súa intervención, Rueda solicitou a colaboración de todas as administracións, entre elas o Goberno central, para axilizar certos trámites coma a validación dos títulos das persoas que veñen doutros países: “É certo que é unha política dependente do Goberno central, pero a colaboración con cada país é fundamental, e aí vostedes xogan un papel moi importante”, apuntou Rueda.

Por último, o presidente autonómico agradeceu ao corpo consultar o seu papel á hora de facilitar as relacións bilaterais e económicas de Galicia con outros países e apoiar aos galegos en todo o mundo, tanto os que están establecidos no estranxeiro como os que queren retornar a súa terra: “Con frecuencia tiven a ocasión de comprobar cando viaxo a outro país todo o traballo que hai detrás e que realizan vostedes. É algo moi importante e moi de agradecer”, destacou o presidente.

Comparte éste artículo
No hay comentarios