Presentado en Lugo o obradoiro de perrucas oncolóxicas que terá lugar este sábado no Vello Cárcere

A actividade, organizada pola especialista en próteses capilares Alma Pacín, contará coa influencer Blanca Torres (maquilladora profesional en Telecinco) e Juan José López, preparador físico

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, presentaron a xornada para pacientes oncolóxicos que terá lugar este sábado 26 de abril, a partir das 18:00 horas no Vello Cárcere. Cristina López afirmou que esta xornada contará «cunha charla-obradoiro orientada a persoas que están a atravesar tratamentos oncolóxicos e desexan atopar ferramentas 
para afrontar a perda de cabelo, unha das consecuencias físicas e psicolóxicas máis relevantes destes tratamentos».

A iniciativa está impulsada por Alma Pacín, especialista en próteses capilares e perrucas para pacientes oncolóxicos. Pacín estará acompañada por Blanca Torres, maquilladora profesional de Telecinco e influencer, e Juan José López, preparador físico e paciente oncolóxico, que achegará o seu testemuño e consellos para o benestar integral na enfermidade.

A actividade combinará parte práctica con conversas inspiradoras. O obxectivo é ofrecer apoio e recursos para mellorar a autoestima e o benestar das persoas afectadas, dando visibilidade ás alternativas que teñen ao seu alcance e fomentando o acompañamento profesional e persoal neste proceso.

O evento conta coa colaboración da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, e pretende achegar á sociedade a importancia de tratar non só os aspectos físicos da enfermidade, senón tamén o seu impacto emocional. A organizadora, Alma Pacín convidou «a toda a veciñanza a asistir á actividade» e agradeceu á Tenencia de Alcaldía «a colaboración para dar ferramentas ás persoas que están a pasar por esta doenza».

Comparte éste artículo
No hay comentarios