O PP afirma que Lino Rodríguez “é o único culpable” da crítica situación económica de Pol, o concello máis endebedado da provincia con 5M€

Nicole Grueira: “É unha vergoña que Pol sexa o Concello que máis deba da provincia, chegando aos 5M€. Eu, se fixese o que está facendo Lino Rodríguez como alcalde, non podería mirarlle a cara aos veciños”.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol denuncian a “crítica” situación económica na que Lino Rodríguez sumiu ao Concello, “totalmente endebedado como consecuencia dunha mala xestión política, unha realidade que non se pode agochar”. 

A voceira popular, Nicole Grueira, recorda que “o único culpable da débeda é o alcalde, non é culpa dos veciños, porque foron as decisións de Lino Rodríguezdurante todos estes anos as que levaron ao Concello a esta situación crítica”.

A voceira popular sinala que os veciños de Pol “cumpren” coas súas obrigas, pagando os impostos e taxas municipais “contribuíndo así ao funcionamento do Concello”. 

“Polo tanto, o mínimo esixible ao alcalde é unha xestión responsable, eficiente e transparente dos recursos públicos”, afirmou. 

Nicole Grueira explica que “como é habitual, o alcalde pretende botar balóns fóra ou cargar a responsabilidade na falta de financiamento doutras administracións”, ao que engadiu que “o primeiro que ten que facer é asumir responsabilidades e explicar como se chegou a esta situación crítica e que medidas reais se van tomar para solucionala”.

A voceira popular tamén acusa ao rexedor de hipotecar o presente e o futuro do Concello ao ter contratados varios créditos, algúns deles que vencen en 2035 e 2045 xa que “o primordial é destinar os recursos ao fundamental, a dar servizos aos veciños e recortar os gastos innecesarios”.

“A realidade é que é unha vergoña que Pol sexa o Concello que máis deba da provincia. Eu, se fixese o que está facendo Lino Rodríguez como alcalde, non podería mirarlle a cara aos veciños”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios