O Grupo Municipal do BNG preguntará no vindeiro pleno pola ausencia total de actividade infantil durante este verán na cidade, tras a desaparición de ciclos consolidados como “Tarde e Tardiña” e “O Que queda de verán”. A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, afirmou que “estes ciclos desapareceron este ano despois de moitos anos de éxitos de programación, deixando sen alternativa cultural ás crianzas e ás familias lucenses».
A praza Anxo Fernández Gómez viña sendo, durante os meses de xullo, agosto e setembro, un espazo de referencia para a cultura infantil, acollendo propostas de gran calidade recoñecidas a nivel estatal e internacional. Entre os espectáculos programados nos últimos anos atopábanse producións galardoadas cos premios IVC das Artes Escénicas Valenciás, premios Fetén —referenciais nas artes escénicas para público infantil—, premios Lorca, así como recoñecementos en festivais como o Festival de Circ de Terrasa, Festival Cucha Úbeda, Festival Circorts, Festival Arca, Festival Zirkualde, Festival Temudas ou o Festival Arisc-arte Vinarós.
Desde o BNG lembran que estes ciclos eran «unha proposta consolidada e moi valorada pola veciñanza». Porén, este é o primeiro ano no que o goberno municipal decide non dar continuidade a esta programación. Ante esta situación, o BNG pedirá no pleno explicacións ao goberno local pola cancelación destes ciclos, «unha mostra máis do pouco compromiso do goberno do PP cunha programación estable e de calidade tamén para o público infantil», dixo Maite Ferreiro.