Pretenden instalar uns aeroxeradores de 240 metros, os máis altos de Galicia
Stop Eólicos Xurés Celanova presentou alegacións ao proxecto de instalación dun macrocomplexo de produción eólica, denominado Clúster de A Limia, e solicita do MITECO (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico) que free nesta fase de tramitación inicial a aberración ambiental, patrimonial, paisaxística e demográfica que suporía a instalación entre Trasmiras e Xinzo de 32 aeroxeradores de 240 metros de altura, en cotas por riba dos 800 metros e cunha ocupación de case mil hectáreas de solo e máis de vinte núcleos de poboación dentro da perimetral do complexo industrial.
Stop Eólicos Xurés Celanova e a asociación Petón do Lobo, que elaborou o primeiro modelo de alegacións, advirten que as infraestruturas industrial afectan directamente a espazos ambientais protexidos na Rede Natura: Río Támega e Macizo Central; e sitúanse na segunda maior Área Prioritaria de Avifauna Ameazada do país e na IBA A Limia. As infraestruturas de evacuación -unha Liña de Alta Tensión de 97 quilómetros desde a orixe do proxecto- atravesarían ademais a Reserva da Biosfera de Allariz.
Os macroaeroxeradores causarían unha desfeita paisaxística sen precedentes, con graves impactos nas Áreas de Especial Interese Paisaxístico do Val de Laza, do Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, da Torre da Pena e das Touzas da Saínza, e parte das infraestruturas afectarían tamén ás áreas de Correchouso, Queixa, e na comarca de Celanova, nas de Castromao, Baixo Arnoia e Torre de Sande. Ademais do Mosteiro de Trandeiras e o Castelo da Pena, nos que se están a desenvolver accións de conservación con políticas públicas de longo prazo e investimentos notábeis, os 32 aeroxeradores sobre as montañas do leste do río Limia producirían unha perda no patrimonio difícil de calcular dada a insuficiente catalogación da pegada celta e romana na zona.
A afección paisaxística e patrimonial é evidente no caso do horst (macizo tectónico) A Pena-Bresmaus, eses montes que representan un elemento singular na morfoloxía limiá e que conteñen, entre outros bens, o Castelo, o Mosteiro e o castro da Cidá. Alí, os plans da empresa promotora pretenden chantar seis aeroxeradores de 240 metros de altura, doce veces máis altos que a propia Torre do Castelo da Pena.
Veciños sometidos
Dentro do perímetro do macropolígono quedarían os núcleos de Trandeiras e o Mosteiro de Trandeiras, Meilás, Bresmaus, A Portela da Quinta, Padroso, Pazos, Tarrazo, Codosedo, Vilariño Frío, Paradiña, Couso, Nocelo da Pena, Freande, A Alberguería, O Santo, Carraxo e As Mercedes.
Todas estas veciñas e veciños estarán sometidos a impactos de distintos tipos. Os máis graves, sobre a saúde. Os impactos do ruído (o que se escoita e os ultrasóns) e do efecto sombra están suficientemente documentados pola comunidade médica e mesmo existen xa precedentes de sentencias que condenan ás empresas eólicas.
O gando tamén sofre impactos sobre a súa saúde que ademais, e está constatado cientificamente, afectan a súa produtividade.
A respecto dos efectos na economía das familias da instalación dun macropolígono eólico, os informes sinalan unha perda de entre un 30% e un 50% do valor das propiedades (fincas, casas) nun rango de 3 quilómetros ao redor do límite da perimetral. Nun rango de menos de 3 quilómetros por fóra dos lindes ficarían Pidre, Solveira, Sarreaus, Lodoselo, Vilaseca, Escornabois, Atás, Cortegada, Codosedo, Soutelo Verde, Souteliño, Laza, Retorta, Arcucelos e outros máis pequenos.
A falta dos estudos técnicos de construción así como os de impacto ambiental e hidrolóxico, a pegada dunhas infraestruturas cuxa construción require grandes movementos de terra, con bases para os aeroxeradores que superarán ás máis grandes perforadas até hoxe no país. Non hai instalado en toda Galiza ningún aeroxerador de 240 metros de altura, segundo a información da que dispoñemos.
Apoio institucional
Stop Eólicos Xurés Celanova lembra que o 27 de decembro pasado, o pleno da corporación municipal de Xinzo de Limia acordou unha declaración institucional para botar o freo na proliferación de macroeólicos na comarca da Limia. O texto proposto pola plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA e polo Club Parapente Baltar saíu aprobado cos votos a favor de todos os grupo de goberno (naquela altura: PSOE, AXIL, BNG e o concelleiro Manuel Pérez Campos).
O Concello de Xinzo comprometeuse a «solicitar da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado a aplicación inmediata dunha moratoria sobre os proxectos de instalación de centrais eólicas en trámite e outros que puideran solicitar a súa tramitación no futuro e que afectan ao territorio da comarca da Limia mentres o Plan Sectorial Eólico de Galicia non se someta a unha avaliación ambiental estratéxica tal e como esixe a lei, ou se aprobe un novo Plan Sectorial Eólico».
O macropolígono entre Trasmiras, Sarreaus e Xinzo está situado nunha das áreas de desenvolvemento eólico (ADE) previstas nese Plan Sectorial de finais do século pasado e que incumpre a normativa ambiental actual.
A LAT afecta a 18 concellos
O macropolígono que afecta A Limia fai parte dun complexo máis amplo que arranca noutra central de produción eólica, o PE Fontefría, que se instalaría entre os concellos de Riós e Castrelo de Miño, con 17 aeroxeradores máis das mesmas características e desde onde partiría a LAT Castrelo do Val_Castrelo do Miño, 97 quilómetros con torres por riba dos 80 metros.
Esta LAT afecta aos concellos de Castrelo do Val, Laza, Cualedro, Sarreaus, Xinzo, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Verea, Celanova, Ramirás, Quintela de Leirado, Gomesende, Cortegada, Cartelle, Arnoia e Castrelo de Miño. Un total de 18 concellos que xa recibiron a documentación inicial do proxecto e que deberían empezar a actuar e informar á veciñanza.
Mobilización contra o engano
Os documentos presentados até hoxe pola promotora diante do MITECO non conteñen informes técnicos nin estudos de impacto ambiental, sobre a saúde, sobre a fauna e a flora, nin de humidais ou hidrolóxicos nin tampouco sobre bens patrimoniais. Mais xa serviron para sementar a preocupación entre a veciñanza, que non recibe outra información que as que poden achegar plataformas como Stop Eólicos Xurés Celanova.
Neste primeiro comunicado subliñaremos que mentres a promotora presenta 3 proxectos por separado, en realidade, dous deles, os que afectan directamente A Limia mesmo presentan perimetrais solapadas e, pola proximidade, son en realidade unha soa macrocentral. Ademais, ao se presentar por separado pretenden eludir unha avaliación ambiental conxunta, que daría lugar a unha verdadeira avaliación ambiental.
Diante da manipulación e o engano, Stop Eólicos Xurés Celanova anuncia que volverá a promover a mobilización social nesta comarca e nas comarcas veciñas, e ademais de distribuír e recoller alegacións, nos puntos habituais, ás macrocentrais, manterá unha campaña informativa na rede e nas rúas, empezando por unha mesa informativa na Feira de Xinzo o próximo día 14 e a súa participación nun acto reivindicativo en Covas (Os Blancos) o domingo 17, un lugar no que segue en pé a loita contra os eólicos.
Procurarase tamén o compromiso de alcaldes e alcaldesas e representantes políticos en todos os concellos afectados, empezando pola corporación municipal de Xinzo que celebra pleno a próxima semana.